Milleiros de persoas xubiladas saen ás rúas por unhas pensións dignas

[Imaxe: GalizaContrainfo] Mobilización das pensionistas en Vigo

Milleiros de pensionistas mobilizáronse na mañá do sábado na Galiza para reclamaren unhas pensións dignas e en contra das medidas “miserábeis” do Goberno encabezado por Mariano Rajoy.

Pensionistas galegas e galegos saíron á rúa de forma para reclamaren unhas pensións dignas, co fin de recuperar o poder adquisitivo e de denunciar a “miserábel e irrisoria” suba do 0,25% decretada polo Goberno central.

 

As mobilizacións máis multitudinarias, en que se escoitaron frases como “Mans arriba, isto é un atraco”, “Máis pensións, menos ladróns” ou “Coas pensións non se xoga”, tiveron lugar na Coruña e en Vigo. Na Coruña, o Obelisco viuse desbordado de participantes, que ocuparon a zona até o final da Fundación Barrié e mais os Xardíns de Méndez Núñez. De feito, a policía local cortou o tráfico. En Vigo, milleiros de persoas ocuparon as inmediacións do Marco e chegaron até o Sireno e Policarpo Sanz.

                              

As e os pensionistas tamén saíron á rúa en Lugo, Ferrol, Ourense, Ribadeo, Sarria, Pontedeume ou Noia, ao igual que en Compostela, onde se concentraron na praza de Cervantes. Alí escoitáronse proclamas contra a suba “miserenta” do 0,25% aprobada polo Goberno do PP. Un representante do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas tomou a palabra na capital para criticar “o brutal ataque que está a sufrir o estado do benestar, en especial as pensións” e acusou o Goberno central de querer “favorecer os plans de pensións privados”.

 

Na mesma liña, as persoas xubiladas criticaron as palabras en que Rajoy aseguraba que non hai diñeiro para subir alén do 0,25% estas prestacións. Palabras nas que ven “un desprezo”. De aí que o portavoz de Modepen acusase o Goberno central de “dilapidar a mans cheas os cartos que son de todos, mentres os xubilados manteñen coas súas exiguas pensións as súas familias en paro”.

 

Participación de CCOO, UGT e o PSOE

 

As concentracións da mañá do sábado, que seguiron as da quinta feira organizadas polo sindicato CIG, foron convocadas polo Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas e por CCOO e UGT.

 

Precisamente, a reforma das pensións, que provocou o atraso na idade de xubilación, que restrinxiu as xubilacións anticipadas e o aumentou o período de cómputo, foi asinada en 2011 por CCOO, UGT, CEOE, CPYME e o PSOE  e chegara a desembocar nunha folga xeral galega -convocada en solitario pola CIG-. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, manifestábase coas persoas pensionistas en Vigo e pedíalle ao Goberno central que “tome nota dunha reclamación digna e necesaria”.

 

[As imaxes que acompañan esta información son de Galiza Contrainfo]