Manifestación multitudinaria

Milleiros de persoas, ao berro de “Esta mina ímola parar”

[Imaxe: @pilaraymara]

“Feixóo, escoita, o pobo está en loita” ou “Esta mina ímola parar” foron algúns dos lemas que saíron da gorxa dos varios milleiros de persoas -60 mil, segundo a organización- que no mediodía do domingo, 10 de xuño, colapsaron as rúas compostelás e encheron a Praza do Obradoiro contra a mina de Touro-O Pino.

Varios milleiros de persoas, 60.000, segundo a organización, acudiron á chamada da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non e da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa que, co apoio de máis dun cento de organizacións, convocaron no mediodía deste domingo, 10 de xuño, unha mobilización contra a mina que pretenden explotar Atalaya Mining e Cobre San Rafael en terreos de Touro e do Pino.

 

O manifesto da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non e da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa centrouse en reclamarlle á Xunta de Galiza “a paralización do proxecto e a denegación da autorización para esta explotación mineira”, así como a “restauración do dano causado pola anterior explotación, tanto do solo como das augas contaminadas”.

 

Os colectivos convocantes pediron, nesta liña, a caducidade da concesión polo abandono da actividade extractiva de cobre, por non ter restaurado a mina e pola contaminación causada e que “os que causaron o dano para se lucraren paguen pola recuperación do medio”.

 

"Levamos máis de trinta anos sufrindo a herdanza envelenada que deixa este tipo de explotacións"

 

Sobre o palco instalado na Praza do Obradoiro advertiuse que “de levarse adiante, o proxecto suporía un risco certo o noso modo de vida”. “En Touro e no Pino xa tivemos unha mina. Sabemos do que falamos. Levamos máis de trinta anos sufrindo a herdanza envelenada que deixa este tipo de explotacións a ceo aberto e de enormes dimensións”, engadiron os colectivos convocantes.

 

Á herdanza de “ríos e regatos fortemente contaminados” sumaron os “cursos de augas ácidas con metais pesados sen vida que pasan polo Ulla antes de acabar na ría de Arousa, onde son visíbeis os seus efectos en zonas como os Lombos do Ulla”. Son estas, salientaron, as consecuencias da explotación mineira abandonada por Río Tinto. Uns efectos que provocan “un firme rexeitamento social” dada a posíbel reapertura, “sentimento que se acrecenta se reparamos nas cifras da explotación: 689 hectáreas de extensión que poderían chegar ás 2.000”.

 

Muros máis altos que as torres da catedral

 

“Pensan levantar dúas enormes balsas con muros máis altos que as torres da catedral de Santiago, onde meterían máis de 100 millóns de toneladas de lodos altamente contaminantes. Todo iso a douscentos metros da aldea de Arinteiro que, xunto cos Torreis, estarían condenadas a desaparecer”, alertaron as plataformas, que sinalaron que o proceso de extracción do mineral tamén esixiría voaduras día a día que afectarían á estabilidade dos diques de contención das balsas. Se rebentan, agregaron, non habería capacidade de reacción. “En 12 horas a súa carga letal estaría na Ría de Arousa. Sería peor, moito peor, que o Prestige”.

 

Se rebentasen os diques de contención, a "carga letal" sería "moito peor que o Prestige"

 

A isto súmaselle a utilización de compostos químicos para separar o cobre. Algún deles, segundo os colectivos, “sospeitosos de causar cancro”. “Como se podería vivir nun entorno así?”, preguntáronse, ante os berros de “Mina non” das milleiros de persoas que ateigaron a Praza do Obradoiro, entre as que se atopaban traballadoras e traballadores do mar e do campo, cuxos empregos acabarían en perigo de darlle a Xunta de Galiza luz verde á mina solicitada por Atalaya Mining e Cobre San Rafael.

 

“Fronte a un modelo produtivo como o noso, capaz de xerar riqueza e redistribuíla, a mina, de ser unha realidade, só beneficiaría uns poucos que nada teñen que ver con nós e aos que lle importa moi pouco o noso benestar”, recolleu o manifesto, “respeito ás promesas de postos de traballo que xeraría a mina, a verdadeira pregunta que hai que facer é: cantos se van destruír?”.

 

“Queremos un mundo rural vivo, un sector pesqueiro e marisqueiro que sexa a envexa do mundo. Somos conscientes de non sermos un caso illado. Antes foi Corcoesto, e a día de hoxe seguen vivos unha chea de conflitos mineiros ao longo de todo o país: San Fins, Terra Cha, Xanceda, Triacastela... Galiza enteira está convertida nunha cuadrícula mineira, como consecuencia dunha política que pon os intereses privados por riba do ben común”, denunciaron as plataformas convocantes, que concluíron coa necesidade de “pensar no futuro e nas xeracións que veñen detrás” para non lles deixar “unha herdanza envelenada”. O Himno Nacional -coa segunda parte a cappella, sen a compañía das gaitas- poñía o broche final á manifestación, que remataba pasadas as 14.30 horas.

 

Participación dos partidos da oposición

 

Asistiron á mobilización as e os representantes das forzas políticas da oposición no Parlamento de Galiza, así como alcaldes de concellos afectados (entre os que non se atopaban o de Touro nin o do Pino, ambos os dous do PP). 

 

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, instou a Feixóo a abandonar "ese proceso de reflexión serena no que está inmerso coa mirada posta en Madrid, e erga os ollos para ver con claridade o que lle están dicindo miles de galegos e de galegas nas rúas, que non queremos ese proxecto de megaminería" e urxiuno a "parar un proxecto de megaminería espoliadora e contaminante con consecuencias letais para os concellos afectados, en termos ambientais, económicos e sociais".

 

Luís Villares, portavoz de En Marea, asegurou que o seu partido non consentirá que Feixóo "envelene a auga do río Ulla, do que beben 100.000 galegos". No mesmo sentido, indicou que non se pode permitir que se estrague cunha mina "o camiño de Santiago" e que se envelene "toda riqueza marisqueira da ría de Arousa" para satisfacer os "intereses económicos dunha multinacional e a complicidade dun goberno que non pensa nas galegas e galegos".

 

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, afirmou que a mina "pon en risco a contorna natural no Pino e Touro e a biodiversidade mariña de toda Galiza". Así, instou a Xunta a priorizar "o desenvolvemento sustentábel de Galiza" fronte ao proxecto.