Un milleiro de persoas clama en Pontevedra contra as touradas

Manifestación contra as touradas en Pontevedra Foto: GZ Videos

Os organizadores, satisfeitos polo éxito de asistencia, pediron a fin das subvencións que manteñen "esta atrocidade que só satisface a unha minoría enferma dos cidadáns".

Contén vídeo 

O movemento contra as touradas deuse este sábado cita en Pontevedra, onde preto dun milleiro de persoas, segundo confirman a Sermos organizadores da protesta, esixiron un ano máis a fin das corridas en Galiza. A manifestación, que partiu ás 20h da praza da Peregrina, foi apoiada por 60 organizacións e colectivos ao berro xa habitual de “Non é cultura, é tortura”.

“Consideramos inaceptable a indiferencia e incluso a complicidade dunha parte da poboación e das institucións con toda esta engranaxe de promoción da tortura e crueldade. A tauromaquia non é tolerable, xa que a violencia sen sentido, o sufrimento e o asasinato non deben ter lugar en ningures”, dixeron na lectura do manifesto que puxo o peche ao acto. 

As organizacións a prol da abolición das touradas esixiron desta forma a eliminación das subvencións públicas que, segundo eles, manteñen con vida un espéctaculo residual. “Adican diñeiro público a manter unha atrocidade que só satisface a unha minoría enferma dos cidadáns que disfruta co sufrimento animal”, aseguraron. Os datos do Ministerio de Cultura os avalan. Só un 0,8% da poboación galega admite a súa asistencia a eventos taurinos.

Os organizadores resaltaron que o proceso é xa irreversíbel, logo de repetir o éxito de asistencia que acadaran a pasada semana na Coruña. “Estamos moi satisfeitos. Este é un paso máis, un aviso máis, para os gobernantes que subsidian as touradas”, manifesta Rubén Pérez, voceiro da plataforma ‘Galiza, mellor sen touradas’. 

"Este é un paso máis, un aviso máis, para os gobernantes que subsidian as touradas”

Non foi o único acto neste día antitaurino na cidade do Lérez. A mañá de este sábado, a organización ‘Igualdade Animal’ realizou unha cunha cadea humana que rodeou a praza de touros de Pontevedra, a única que existe en Galiza.

O movemento antitaurino gana adeptos entre a sociedade civil galega e tamén política. O BNG propuxo en xuño, por primeira vez no Parlamento, prohibir as touradas, un espectáculo que consideran alleo á cultura galega e o "froito dunha colonización”. A iniciativa, que tivo o apoio do resto de grupos políticos, encontrouse coa maioría absoluta dos populares, os mesmos que financian as corridas na terra.

Louzán ‘quentou’ a manifestación

O acto cobrara especial importancia, segundo os organizadores, despois da asistencia esta semana do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, xunto a outros cargos do PP, á presentación dun libro onde se cualifican as posicións antitaurinas de “nazis”. 

“É parte da estratexia da trama taurina. Desprestixiarnos e facer un uso personalista das institucións públicas. Pasa na Coruña, onde os subvenciona o concello, e pasa en Pontevedra coa Deputación. Financian aos empresarios e tamén a peñas taurinas cos cartos de todos”, sinala Pérez.