Millares de persoas protestan pola política sanitaria da Xunta

Unha das concentracións esta cuarta feira en Vigo (Foto: Nós Diario).
Un total de vinte e cinco localidades acolleron na xornada de onte outros tantos actos en defensa da sanidade pública. As mobilizacións convocadas por SOS Sanidade Pública xuntaron milleiros de persoas ao longo do país. As protestas coincidiron co anuncio da Xunta de que estuda "fechar e reagrupar" diferentes centros de saúde.

A defensa do sistema sanitario público xuntou na xornada de onte milleiros de persoas nas rúas de diferentes vilas e cidades. As mobilizacións desenvolvéronse en cidades como A Coruña, Pontevedra, Vigo ou Ferrol pero, tamén, en vilas como Cambados, Burela, A Guarda, Ponteareas, Moaña ou Cee. 

Neste sentido, o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, en declaracións a Nós Diario, valorou “moi positivamente a resposta da cidadanía”, chamou a “redobrar os esforzos para lograr máis apoios á iniciativa lexislativa popular en defensa da Atención Primaria” e apostou por “continuar convocando protestas”. 

Centros de saúde fechados

Martín sinalou que “a poboación ten problemas para acceder e ser atendida de maneira presencial nos centros de saúde, nos puntos de atención continuada (PAC) e nos servizos de Pediatría de Atención Primaria e soporta listas de espera de días ou semanas e consultas masificadas”.

Na mesma dirección, criticou que “moitos PAC están fechados, ao igual que moitos centros de saúde no rural” e denunciou que “o persoal dos centros esta sometido a condicións de inestabilidade e precariedade laboral inaceptábeis e a unha enorme presión asistencial polos recortes de persoal e falla de recursos”.

O colectivo advertiu nos diversos actos organizados onte que “a Xunta da Galiza e a Consellaría de Sanidade non teñen ningunha vontade de facer fronte ao problema do sistema sanitario público dado que para 2023 o orzamento sanitario apenas medra respecto a este ano, especialmente o de Atención Primaria, que pasa de 13,4% a 13,7% do gasto sanitario total, tres miserábeis décimas para facer fronte á maior crise do sistema de saúde público desde que se creou”.

SOS Sanidade Pública reclamou “un novo modelo de Atención Primaria que responda ás necesidades da poboación, dotado dos recursos necesarios para atender os problemas e demandas de saúde da poboación, baseado na promoción, prevención, participación social e traballo comunitario”. Asemade, adiantou novas protestas en todo o país, entre elas “unha gran mobilización en Compostela para comezos de xaneiro”.

As urxencias do CHUS, 'desbordadas'

A CIG-Saúde denunciou onte a “situación de saturación que padecen as urxencias de Pediatría” do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), culpando da mesma á “nula previsión de coberturas con profesionais nesta especialidade por parte da xerencia" da área sanitaria. 
Neste sentido, o sindicato puxo de manifesto nun comunicado de prensa o "notorio incumprimento pola dirección do hospital das funcións e normas reguladoras do funcionamento" deste servizo hospitalario”.