O militar de ‘La Manada’ reincorpórase ao servizo activo

Defensa non lle asignará destino.

O soldado Alfonso Jesús Cabezuelo, membro de ‘La Manada’ condenado a 9 anos de prisión por abusar sexualmente dunha moza nos San Fermíns de 2016, reincorpórase ao servizo activo. Cabezuelo está en liberdade provisoria desde o 22 de xuño.

 

Coa decisión publicada no Boletín Oficial de Defensa, este soldado deixa de estar suspenso de emprego e soldo. Agora está pendente de que lle asignen destino. Porén, a lei de carreira Militar faculta o Ministerio de Defensa a que poida suspender ou paralizar o destino. Iso si, estaría en servizo activo e cobrando retribución por antigüidade.

 

Fontes de Defensa explicaron á Cadena Ser que se trata "simplemente dun trámite administrativo" porque pasou o prazo de seis meses preceptivo desde que se ditou a suspensión sen que haxa condena firme contra el e por iso ten dereito a solicitar que se levante a situación de suspensión de funcións.