Miles protestan no Barco contra a eliminación da área de saúde e a privatización da Sanidade

Imaxe: somosunhaarea.blogspot.com
Até 4.000 persoas saíron á rúa contra a centralización de servizos, coa creación da Área de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco. A plataforma SOS Sanidade Pública rexeitou o rescate á banca española e anunciou novas accións ''para parar os pés a este Goberno de banqueir@s''

Até 4.000 persoas secundaron no Barco a mobilización da área sanitaria Valdeorras-Trives-Viana en contra dos recortes neste dereito fundamental. Convocad@s pola plataforma SOS Sanidade Pública, a maior parte das críticas e das consignas lanzadas foron contra o Hospital comarcal: desde o aumento nas listaxes de espera á falta de persoal especializado en áreas coma a Hematoloxía, a Xinecoloxía ou a Traumatoloxía, pasando polo peche de camas, o temor á privatización de servizos ou a preocupación polo posíbel cobro das comidas, anunciado polo propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen considerou que fornecer de alimento @s enferm@s "non é sanidade".

As persoas que se botaron á rúa clamaron tamén contra a centralización de servizos, coa creación da Área de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco. Alén disto, houbo críticas contra o decreto do Goberno español 16/2012, que contempla o repagamento dos medicamentos e o financiamento de servizos como o transporte sanitario urxente por parte d@s pacientes. Porén, e pese á multitudinaria mobilización, o coordinador comarcal do PP, Avelino García, criticou as protestas e reprochou que "a situación económica é crítica; primeiro hai que saír dela e despois repensar a sanidade pública".

Tras coñecer o rescate á banca española con 100.000 millóns de euros, SOS Sanidade Pública emitiu un comunicado para manifestar a súa "total oposición" contra esta medida, cuxo pagamento volverá recaer máis unha vez "sobre as costas da cidadanía", e anunciou que continuarán "coa loita" para evitar que os Gobernos español e galego continúen coas súas políticas "de retallamentos, repagamentos e privatización coa desculpa do aumento da débeda pública".