Miles de persoas rexeitan na rúa a política de “recortes e privatización” na sanidade

Unha das mobilizacións desta cuarta feira.

As concentracións convocadas por SOS Sanidade Pública, que decorreron en cidades e vilas do país, son o limiar para a gran mobilización nacional do 4 de febreiro.

As rúas galegas volveron acoller importantes mobilizacións na defensa da sanidade pública e contra as políticas de recortes e privatización da mesma. Tiveron lugar na tardiña desta cuarta feira, 24 de xaneiro, en varias cidades e vilas de Galiza, convocadas por SOS Sanidade Pública. Miles de persoas tomaron parte nas mesmas.

 

As protestas realizáronse nas sete cidades galegas, nas cabeceiras de comarcas que até agora constituían unha área sanitaria e que pasarían a integrarse na súa área de referencia (caso de Vilagarcía, Monforte, Burela e o Barco) e naquelas localidades que contan con hospitais comarcais nos que periga a súa carteira de servizos, como Ribeira ou Verín.

 

Para os representantes desta plataforma, esas políticas do PP tradúcense en situación como a que se vive todos os invernos en Urxencias, con colpaso dos servizos. “Desde o ano 2009, un total de 790 camas nos hospitais, que debilitou a estrutura de Atención Primaria”.

 

As e os representantes de SOS Sanidade Pública alertaron tamén do incremento das listas de espera e dos efectos perversos do ‘Decreto de tempos máximos de espera’, en vigor desde o 10 de xaneiro, co que o PP pretende combatelo. “É, directamente, unha fonte de financiamento da sanidade privada”, denunciaron.

 

Nas mobilizacións tamén se denunciou a privatización sinataria, tanto no relativo a concesións -como no hospital de Vigo-  como no que se refire a sectorización privada, como POVISA, ou á concertación sanitaria e externalizacións. Mais tamén outras formas máis agochadas de introdución do negocio e os intereses privados na sanidade pública como o procedemento de compra innovadora con financiamento da investigación para empresas privadas; o control da investigación e a formación dos médicos pola industria farmacéutica; o procedemento de adquisición tecnolóxica público-privado do diálogo competitivo ou a introdución de empresas privadas na xestión do servizo como medtronic en cardioloxía.

 

Coas mobilizacións convocadas SOS Sanidade Pública quixo manifestar tamén o seu rexeitamento ás modificacións que o PP pretende introducir na Lei de Saúde.