Miles de persoas nas rúas de Galiza contra a represión en Catalunya

Imaxe da manifestación en Vigo. (CIG)

Os manifestantes rexeitaron a actuación policial e defensa do dereito de autodeterminación. Vigo e Compostela acolleron as manifestacións máis numerosas.

Miles de persoas tomaron parte na tardiña do domingo nas concentracións e manifestacións que decorreron en varias localidades galegas para rexeitar a represión policial contra o 1-O. Embora ser convocadas con escasa marxe – apenas unhas horas antes- a asistencia foi moi numerosa, nomeadamente en Compostela e en Vigo, onde miles de persoas participaron nas mesmas. Ferrol, Burela, Lugo, A Coruña, Pontevedra e Ourense foron escenario tamén de concentracións con presenza de centos de persoas.

“Votar non é ningún delito” ou “xa votaron” foron dúas das palabras de orde nas mobilizacións, onde destacaba a presenza de mocidade. “Galiza e Catalunya, solidariedade” e “a solución, autodeterminación” foron outros dos lemas coreados.  

 

Estas mobilizacións desenvolvéronse apenas 24 horas despois da manifestación nacional que en Compostela reuniu miles de persoas en apoio ao 1-O. Entón, coma o domingo, denunciáronse as “accións profundamente reaccionarias e antidemocráticas”, do Estado español “demóstrase incapaz de permitir calquera exercicio democrático real”.