Miles de persoas fan de Pontevedra un clamor contra a permanencia de ENCE na Ría

[Imaxe: Pontevedra Viva]

A multitudinaria mobilización partiu da Praza da Ferrería para solicitar a revogación da prórroga por 60 anos concedida á pasteira polo goberno español en funcións.

 

Había ganas de protestar contra a prórroga de 60 anos a ENCE. E esas ganas tomaron forma esta sexta feira como maré humana que ateigou Pontevedra de miles de persoas nunha impresionante manifestación para mandar unha mensaxe clara á pasteira e goberno galego e español: “ENCE fóra da Ría para sempre”, tal e como recollía a faixa de cabeceira.

Ateigada a Praza da Ferrería, punto de partida da mobilización, e rúas adxacentes, o éxito da convocatoria da plataforma 'ENCE Fóra da Ría' ficaba claro desde o minuto un. Nada estraño, recoñecían convocantes e veciñanza, visto o profundo malestar que a concesión da prórroga de 60 anos polo goberno en funcións causou na cidade e no país. “O goberno español supeditou unha cidade, un país, aos intereses do consello de administración dunha empresa”, denunciara o alcalde pontevedrés, o nacionalista Fernández Lores, presente na mobilización. “En 60 anos hai quen vai estar viaxando a Marte e nós aquí cheirando a merda de ENCE”, manifestara o rexedor horas antes da manifestación.

A Plataforma en Defensa da Ría anunciou que presentará un recurso xudicial por entender que a concesión da prórroga a ENCE é ilegal. Un chanzo máis nesa resposta “social, política e xudicial” que a plataforma 'Ence fóra' pedira nada máis coñecer a concesión da prórroga para revogar a medida do goberno. Na mobilización, lemas novos (“Ence cheira, o PP tamén”, “Ence e PP a mesma merda é”, "Se é tan boa, que a leven pra Moncloa!") daban a man cos históricos (“A Ría é nosa e non da celulosa”).

Amplo rexeitamento

Na mobilización tomaron parte un amplo abano de axentes sociais, sindicais, ambientais, así como representantes de diferentes formacións, como o BNG, En Marea, PSdeG, Cerna, Agora Galiza ou Compromiso entre outras. O portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, considera que a prórroga é un exemplo “de libro” das “nefastas consecuencias da recentralización a ultranza emprendida polo PP nos últimos anos que está deixando o noso autogoberno nunha cáscara baleira coa axuda inestimable e vergoñenta de quen debería exercer como presidente do país e non como súbdito dos lobbies madrileños”. Na coligazón 'En Marea' a súa portavoz, Alexandra Fernández, trasladou esta sexta feira a Felipe VI o malestar pola prórroga. “Dixémoslle que nos parece unha cacicada e un nefasto exemplo de como funcionan as portas xiratorias pois casualmente xente que hoxe ocupa postos no consello de administración de ENCE foron destacados cargos do Partido Popular”.

A manifestación non foi a fin, senón o principio dunha vaga de accións en diferentes ámbitos destinadas a lograr que se revogue a concesión, lembraron os convocantes. Os aplausos e ánimos das miles de persoas que, procedentes de diferentes partes de Galiza, sairon ás rúas pontevedresas amosaron que a vontade de lograr o traslado de Ence segue máis viva que nunca.

 

Imaxes: GZ Fotos, Podemos Galiza e @parrulinha