Miles de persoas enchen as rúas de cidades e vilas galegas para erguer un “Nunca Máis” contra os incendios

Imaxe da capa: @lemaAlberto Interior: @desdeoturonio

Nas concentracións houbo críticas á falla de planificación e de medios para combater o lume, denuncias da política forestal que o PP aplica desde hai anos e mesmo peticións de demisión para Feijóo. 

Rúas e prazas de máis dunha trintena de  localidades galegas enchéronse na tardiña desta segunda feira coas miles de persoas que responderon á convocatoria. “Lume nunca máis” era a palabra de orde das convocatorias urxentes que se foron espallando ao longo de domingo e da propia segundo feira, a medida que o desastre provocado pola vaga de incendios ía tomando forma.

De Vigo a Lugo, de Ponferrada a Cariño, foron moitas as concentracións que decorreron por toda Galiza (e mesmo alén Padornelo, como en Madrid e Catalunya), con protagonismo da xente moza.

 

A indignación tomaba corpo ao igual que o fixera quince anos atrás, no afundimento do Prestige, para denunciar a incompetencia dos gobernos galego e español. Unha indignación que ía da man co orgullo de facer parte “dun pobo que se bota á rúa a defender o seu”, en palabras do manifesto, referíndose á veciñanza que supliu unha Xunta e un Estado desaparecidos. A gran afluencia a algunhas concentracións fixo que estas derivasen en manifestacións, como en Vigo, Compostela ou Ourense. “Lumes nunca máis”, “Con este goberno imos ao inferno”, “Feijóo, dimisión” ou “Ence, PP a mesma merda é” foron algunhas das consignas coreadas nas diferentes manifestacións.

 

 “Lumes nunca máis”, “Con este goberno imos ao inferno”, “Feijóo, dimisión” ou “Ence, PP a mesma merda é”, algúns dos lemas coreados

 

Houbo críticas para coa política forestal da Xunta, para a eucaliptización, os recortes de persoal e medios. Tamén para a ausencia dos medios públicos galegos nos priemiros compases da vaga incendiara. Mesmo se tirou de retranca, como na de Ourense, para pedir a través dun cartaz “que se lle aplique á Xunta o artigo 155”.

 

Demandouse unha nova política para o monte que sente as bases para un futuro sen incendios. No manifesto incluíanse unha serie de medidas propostas polo Comité. Unha táboa de 10 puntos. Entre elas, un novo ordenamento territorial, unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte ou un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata.

Dez medidas

 

Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos, son outras das propostas. Así como promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e a profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios.

 

Tamén en Girona (presenza alcaldesa incluída), Barcelona e Madrid houbo concentracións solidarias con Galiza e contra os incendios forestais.

 

Imaxes de @LemaAlberto @pgsarria @obloque @desdeoturonio