Por volta de tres mil persoas marchan en Compostela en defensa das pensións públicas e do emprego

Suceso de convocatoria da manifestación da CIG en defensa do sistema público de pensións, ameazado, segundo a central nacionalista, polos planos privatizadores da Moncloa. Por volta de tres mil persoas acudiron á marcha en Compostela.

"En defensa das pensións e do emprego" era a lenda da faixa que abría a manifestación convocada pola CIG este sábado 28 de xaneiro en Compostela, á que acudiron miles de persoas nunha nova mostra da capacidade de mobilización do sindicalismo nacionalista.

As consignas a prol do sistema público de pensións e contra as políticas privatizadoras do PP foron a tónica durante a marcha polas rúas da cidade.

Na marcha, alén da presenza de moitas persoas xubiladas, deixáronse ver tamén representantes de Long Hope, a asociación de mariñeiros galegos que pelexan polas pensións que lles nega Noruega a pesar de teren pago os seus impostos no país nórdico.

Antes do comezo da manifestación, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, advertiu en declaracións á imprensa que as alertas do PP ante unha suposta inviabilidade do sistema público de pensións constitúen un discurso interesado de quen en realidade aspira á súa privatización. "Non é unha cuestión técnica. Detrás disto [dos informes que manexaría o goberno estatal sobre a pretensa imposibilidade de manter o actual sistema público de pensións] hai razóns de tipo ideolóxico e de tipo económico. Aquí hai moito interese por parte da banca e das compañías de seguro de facerse co grande negocio que son os fondos de pensións e entón estase fomentando todo un alarmismo sobre o futuro do sistema público que nós non partillamos", dixo.

Na súa intervención á conclusión da marcha, Seixo deixou varias mensaxes esenciais. A primeira, a de que os fondos privados de pensións moven no planeta por volta de 18 billóns de euros e que, portanto, ven nas pensións públicas do estado un suculento negocio. A segunda, a de que a mobilización social é a única vía para facer fracasar os planos privatizadores do goberno, tendo en conta que "hai teóricos grupos de esquerda" no Parlamento español -aquí citou explicitamente o PSOE- que estarían dispostos a facerlle o xogo ás políticas "anti-obreiras e anti-sociais" do PP.

"Se queremos recuperar dereitos e avanzar nas nosas condicións de vida, cómpre que a sociedade se mova, saia á rúa, presione a goberno e partidos da oposición para que realmente se promovan leis que tiren abaixo coas contrarreformas e recortes dos últimos anos e que se lexisle realmente en defensa dos intereses das clases traballadoras”, clamou na súa intervención o secretario xeral da CIG.

Apoio do BNG

A marcha tivo o apoio do Bloque Nacionalista Galego, con Ana Pontón á cabeza. A líder da formación soberanista denunciou a que considera unha "ofensiva" do PP visando desmantelar as pensións "unha das prestación sociais máis emblemáticas e necesarias".

“Estamos ante a crónica anunciada dun roubo dentro da escala de recortes e de privatizacións do PP que, neste caso, pretende levarse por diante nada menos que o sistema público de pensións poñendo en marcha toda unha campaña que inclúe o desmantelamento da caixa das pensións”, alegou Pontón.

“O Bloque considera que o sistema é plenamente viábel se hai vontade política de sustentalo, pero estamos ante un debate ideolóxico onde a dereita do PP quere impoñer un deterioro progresivo do sistema para crear o caldo de cultivo da súa privatización”, advertiu.