Miles de galegas e galegos amosan a súa repulsa polo asasinato machista da Coruña

Concentración no Obelisco, na Coruña. (Foto: Marea Atlántica)
Distintas organizacións, entre elas varias plataformas feministas, estiveron detrás da convocatoria que decorreu na tarde deste sábado en 35 localidades do país. O detido polo crime, que era parella da vítima e que foi arrestado na quinta feira en Madrid, pasará a disposición xudicial este domingo segundo confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

Miles de persoas saíron esta tarde as rúas de 35 localidades galegas para amosar a súa repulsa polo asasinato a coiteladas dunha muller, M.M., presuntamente cometido pola súa parella, J.R.G.G., esta mesma semana no barrio coruñés do Birloque.

Precisamente a concentración decorrida no centro desta cidade foi unha das máis masivas, pero tamén houbo berros contra o feminicidio na Estrada, en Carballo, Compostela, Lalín, Melide, Monforte, O Porriño, Ribadavia, Tui ou Vigo, entre outros lugares.

Estas mobilizacións contra a violencia machista e para condenar o crime da Coruña, no que o corpo sen vida foi atopado polo fillo da asasinada, foron convocadas por distintos colectivos, entre eles plataformas feministas como a Marcha Mundial das Mulleres.

O lema da convocatoria foi "Basta de feminicidios. O machismo mata". No manifesto que foi lido en distintos puntos da xeografía galega, a Marcha puxo de relevo o crime do Barco de Valdeorras, do que aínda non se saben as causas, e "tan só catro días despois coñecemos a terríbel nova do asasinato dunha muller da Coruña".

"A violencia non cesa, non parou durante a pandemia e non vai parar despois", sinalaron no escrito. Así, as distintas portavoces do movemento incidiron en que "os feminicidios son só a mostra máis brutal e cruel das violencias que día a día vivimos as mulleres, os feminicidios son o cume do sistema que existe para oprimirnos".

Igualmente subliñaron que "urxe considerar a violencia machista como un problema social e político de extrema gravidade". Todo iso ao tempo que se coreaban consignas como "se tocan a unha, tócannos a todas", "antes de amarnos, aprende a respectarnos", "non son mortas, foron asasinadas" ou "denuncia arquivada, muller asasinada", entre outras.

Colectivos como o de Mulleres en Acción do Barbanza sinalaban xa na previa destes actos de protesta a muller, de 52 anos, foi presuntamente asasinada por un home que “xa contaba con antecedentes por violencia de xénero”.

A disposición xudicial

Na mesma xornada na que a sociedade galega amosou a súa unidade fronte a este tipo de episodios de violencia de xénero, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) confirmou que o arrestado polo asasinato pasará a disposición xudicial na mañá deste domingo.

O varón, de 48 anos e parella da vítima hai uns meses, foi detido en Madrid, cidade á que fuxira. Á Subdelegación do Goberno de España na Coruña cónstalle que ten antecedentes por violencia de xénero a outras dúas mulleres.