Miles de alumnos maniféstanse contra a Lomce e por unha Lei Galega de Educación

As mobilizacións decorren no marco da greve convocada por Erguer e apoiada pola Plataforma Galega en defensa do ensino público.

Miles de alumnos tomaron parte nas manifestacións que na mañá desta quinta feira, 16 de novembro, tiveron lugar en 13 localidades galegas no marco da greve convocada por Erguer contra a Lomce e por unha Lei Galega de Educación. O paro conta co apoio da Plataforma galega en defensa do ensino público.

 

“Esiximos unha lei de educación porque entendemos que o debate do ensino está totalmente desterrado da axenda política”, dicía esta cuarta feira en declaracións a Sermos Galiza a responsábel de Organización de Erguer, Iria Figueroa.

 

Compostela

 

As doce e media deste mediodía (e co habitual retraso deste tipo de concentracións) arrancaba da alameda de Compostela a manifestación convocada por Erguer contra a LOMCE e o decreto 3+2 na universidade. A manifestación recorreu as principais rúas de Compostela cun estudantado activo que segue a reclamar contra os sucesivos recortes, a redución das bolsas e axudas ao estudo, a masificación das aulas, o aumento dos servizos de pagamento tanto na universidade como no ensino medio, a mercantilización da educación ou pola necesidade dunha lei reguladora galega. Foi precisamente isto último o máis repetido durante a protesta, con gritos de “Non queremos imposición, lei galega de educación” ou “A solución, autodeterminación”.

 

O clima de unión, loita e reivindicación mantívose durante toda a andaina, cunha participación activa e entregada onde se atopaban estudantes da secundaria e da universidade. “Na facultade de Políticas o seguemento foi aproximandamente dun 70%” conta un dos asistentes. “Aquí en Santiago os institutos están baleiros. A secundaria atópase totalmente movilizada, estamos a piques de entrar na universidade e a situación é lamentable en moitas facultades, manifestámonos por iso”, reclama outro dos manifestantes, chegado do IES do Sar.

 

“Neste país cada vez é máis complicado conseguir unha bolsa de estudos, fundamentalmente polo recrudecemento das condicións académicas, pedindo medias altísimas para poder acadala, independentemente da situación económica de moitas casas. Iso é o máis grave”, explica Iria Figueroa, voceira de Erguer. “Hoxe movilizámonos por un modelo radicalmente distinto, un modelo pedagóxico que se basee na avalación continua, un modelo inclusivo que de importancia a normalización do idioma e que poña fin aos recortes no ensino”. Quéixanse dunha oposición muda, silenciada, “que pasa polo aro do Partido Popular”.

 

“Hai supostamente unha subcomisión no congreso designada a tratar o tema da LOMCE. Hai forzas poíticas con representación no congreso que pugnaban pola súa derrogación e agora atópanse totalmente en silencio. A suspensión das reválidas non é a solución e o problema da LOMCE é un problema de fondo, de proxecto e de modelo educativo”, reclamou a voceira.

 

O rexeitamento contra a LOMCE conseguiu sacar a rúa a miles de persoas nas trece movilizacións convocadas por Erguer en todo o país e que contaron co apoio da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Esperamos isto sexa símbolo dunha loita real e efectiva que consiga mudar un modelo educativo rexeitado pola maioría da comunidade estudiantil.