Mil persoas reclaman á Xunta unha senda peonil en Camposancos

Protesta da veciñanza de Camposancos (A Guarda) o domingo 1 de marzo.

“Para camiñar seguro, ecosenda xa” foi o lema co que este domingo se congregaron perto de mil persoas na Guarda convocadas pola entidade local menor de Camposancos co apoio da comunidade de montes homónima e do asociacionismo cultural e deportivo para reclamar á Xunta unha senda peonil.

Unha marcha a pé percorreu este domingo o Monte Trega, na Guarda, para lle reclamar á Xunta de Galiza a construción dunha senda peonil na estrada PO-352 que une Camposancos e A Guarda, sobrecargada de tráfico rodado.

A protesta, convocada pola entidade local menor de Camposancos, co apoio da comunidade de montes e de asociacións culturais e deportivas, foi secundada por perto de mil persoas, que emprazaron o Goberno galego a resolver un problema de seguridade viaria que impide camiñar ou percorrer en bicicleta a citada vía.

A presidenta da entidade local menor, Mercedes Martínez, puxo de manifesto que a reivindicación esténdese á vila da Guarda, pois “percorrer a pé a estrada pola que vimos de camiñar é simplemente perigoso”.

O Concello da Guarda encargou o anteproxecto da senda peonil o 17 de febreiro e presentóuselle á veciñanza de Camposancos a semana pasada. A entidade local menor lamenta que tivesen que agardar tanto. De feito afirma que se “perderon oportunidades”. Pon como exemplos os fondos Feder da Unión Europea, que en 2017 contemplaban subvencións de até o 85%.

“O Concello debera estar máis atento para que non se lle escapen os fondos outra vez se volven saír”, puxo de manifesto a presidenta ao remate da andaina por unha estrada da que é titular a Xunta de Galiza.

Que é unha entidade local menor?

Existen na Galiza un total de 9.935 persoas que viven nas nove entidades locais menores. Unha figura administrativa, de rango inferior ao de concello con funcións e competencias propias. Alén de Camposancos, na Guarda, son entidades locais menores Arcos da Condesa (Caldas de Reis), Bembrive (Vigo), Berán (Leiro), Chenlo (Porriño), Morgadáns (Gondomar), Pazos de Reis (Tui), e Queimadelos e Vilasobroso (Mondariz).

Nas eleccións do 26 de maio de 2019, as persoas censadas nalgunha das nove entidades atopáronse con tres urnas no colexio electoral: a das europeas, a das locais e a da pedanía. A tamén chamada presidenta da xunta veciñal da entidade local menor é elixida directamente pola veciñanza, ao contrario que o alcalde do concello, escollido polos concelleiros e concelleiras. O resto da corporación, un mínimo de tres –contando o pedáneo– e nunca máis dun terzo do total dos concelleiros do consistorio, toma asento en proporción aos votos de cada candidatura nos comicios municipais.