Homenaxe a Afonso Mendes Souto

Os mil Afonsos, todos enormes

[Imaxes: Borja Quintela] Moncho do Orzán interpretou a Marcha do Antigo Reino de Galiza.

Unha peza de música tradicional irlandesa a cargo de Ricardo Morente e Serxio Moreira supuxo o punto de inicio da homenaxe a Afonso Mendes Souto, militante independentista e docente de Lingua e Literatura Galegas recentemente falecido.

O salón de actos do tanatorio Albia da Coruña ficou pequeno para acoller a multitude que asistiu á homenaxe a Afonso Mendes Souto (A Coruña, 1980-Corfú, 2019). Cos acordes musicais que evocaban Irlanda –unha das grandes paixóns do militante independentista e profesor de Lingua e Literaturas Galegas– abría a lembranza “aos mil Afonsos, todos enormes”, en palabras da súa compañeira, Patricia Fidalgo.

Foi ela a primeira en intervir, emocionada, para salientar “o privilexio de compartir 10 anos marabillosos” co homenaxeado, do que “aprendín continuamente. De min. Do mundo”. Como profesor entregado e de crenzas firmes e arraigadas. “Era lingua, escritura, lectura e ollada. Era escoita e diálogo”. Así definiu Patricia Fidalgo a Afonso, de quen dixo, “era aprender, sempre aprender, e transmitir o aprendido como ninguén facía”.

Coa súa marcha física, “perdo eu, perde o país, perde o mundo”, sinalou a súa compañeira, que concluíu as súas palabras agradecendo o apoio, a axuda infinita, o amor e a comprensión da familia e das amizades.

“Con nós para sempre”

A continuación, tomou a palabra Pilar Pallarés, unhas das guías do homenaxeado, a quen lle dedicou un poema. Leuse, posteriormente, un outro poema, escrito por José Antonio Fidalgo Ferreiro, pai da súa compañeira, e titulado “Cos pés na terra”. Unha composición que valorizou as “ilusións,

bondades, proxectos teimudos para mellorar a linguaxe e a Galiza coa súa laboura didáctica”. Do “Afonso non está… ausentouse” pasou ao Afonso “voltou”. “Xa está con nós para sempre, na memoria da noite, nos nosos corazóns e ao noso carón. Cos pés na terra”.

Un dos momentos máis emotivos do acto chegou da man de Ricardo Morente e Serxio Moreira, que interpretaron Negra sombra. Tomou a palabra, a continuación, unha afectada María Xosé Silvar, Ses, quen compartira aulas de Filoloxía Galega e amizade co homenaxeado.

“Habemos sempre custodiar a túa Ítaca”

A escritora Yolanda Castaño pronunciou un sentido discurso. “Din que a illa de Corfú foi onde Ulises fixo a primeira parada durante a viaxe de regreso á casa. Na Ítaca que hoxe alcanzamos somos nós os enriquecidos. Os momentos, as experiencias, os valores e todo o que aprendemos de Afonso son os tesouros que acumulamos nesta travesía”, afirmou a escritora, amiga do falecido.

“Pode que sexan fráxiles os mastros dun mariñeiro de papel, pero as velas de Afonso insuflábanas a firme conciencia, a entrega, un afouto sentido da xustiza e una lealdade como non teño visto xamais. Dende o rexo compromiso e un fondo amor ofreceu a súa xuventude á militancia en defensa dunhas ideas, una cultura, un idioma e un país”, salientou.

A poeta lembrou as distintas frontes de activismo de Afonso Mendes, quen nos últimos tempos “soñaba prender nos ollos das súas alumnas e alumnos o mesmo amor que el sentía pola lingua e a literatura galegas, gozar da descuberta de novas paisaxes, novos sabores, gozar do amor e das amizades rindo con aquel seu riso de ollos chineses (…). Hoxe vendo esta resposta, esta admiración e este recoñecemento decatámonos que o menor dos secretos do país era o moito que tanta xente o quería”. “Vai tranquilo, mariñeiro amigo, que nos nosos peitos habemos sempre custodiar a túa Ítaca”, finalizou Yolanda Castaño.

“Era rotundamente feliz e vivía unha vida plena”

As de Alberto Pombo, amigo do homenaxeado, foron as últimas palabras. Compartiu as andanzas vividas, desde os corredores da facultade de Filoloxía até Lisboa. “Aínda que quixo quebrar a precariedade laboral a medula das nosas esperanzas, e aínda que quixo a represión matar os soños, non houbo valo que Afonso non saltase. Todo canto paso deu foi canto de amor a esta terra e a esta lingua milenaria. Diante do ostracismo, a firme ilusión dun revolucionario. Porque nunca a infamia poderá conter todo o amor”, expuxo.

Pombo cualificou Afonso de benaventurado, “era rotundamente feliz e vivía unha vida plena. Porque era xusto e bondadoso, nunca coñecín a ninguén con tantos amigos. Unha peza central en tantas frontes. E é que o privilexio da súa amizade soubo brindárnolo, con inmensa xenerosidade a todos e todas nós”, engadiu.

Recuperou a última vez que coincidiron, hai apenas uns días: “(…) quedamos, vivindo unha postadolescencia que nos fora negada, para ver adestrar o Dépor nos campos de Abegondo. Haberá quen non consiga entendelo, mais a felicidade era iso, as nosas mans apoiadas nun valado verde de metal. Falabamos e sorriamos. Eu propuxen xantar xuntos e Afonso, xa na tardiña, tiña que volver á Coruña por un compromiso. Ese día pasamos por Cambre, Oleiros, Culleredo, Abegondo e quen sabe. Xa nas Xubias, Afonso fixo unha chamada para cancelar os plans na Coruña. Pregunteille por que? E dixo: ‘Quero estar aquí contigo, celebrando a nosa amizade’. Literalmente iso. Quen fala así? Só alguén a quen o amor e a xenerosidade lle é propia. Só alguén coa capacidade de facerlle sentir a un fillo único, coma min, que eu tamén tiven un irmán”. Manter vivo o seu legado foi o propósito co que concluíu Alberto Pombo: “mudando a realidade, construíndo de baixo para cima”, salientou, parafraseando a Afonso.

O acto de lembranza rematou cun Grandola Vila Morena entoada polo conxunto das persoas que se reuniron na homenaxe e cos acordes da Marcha do Antigo Reino de Galiza, que saíron da gaita de Moncho do Orzán.

 

[Nas imaxes, autoría de Borja Quintela, Patricia Fidalgo; centros florais; Yolanda Castaño e Alberto Pombo]