Unha ollada desde Arelas, a asociación de familias de menores trans

Miguel Vieito: "Os dereitos do colectivo LGTBI só preocupan durante os períodos electorais"

Miguel Vieito, técnico xurista e asesor legal de Arelas [Imaxe: Nós Diario].

Arelas é unha asociación formada por familias de crianzas e adolescentes transexuais mediante a cal traballan e promoven a defensa dos dereitos deste colectivo en todos os ámbitos da vida: educativo, sanitario, xudicial, cultural, deportivo e social. Tivemos o pracer de conversar con Miguel Vieito, técnico xurídico e asesor de Arelas, para coñecer máis polo miúdo o seu enorme labor.

Veñen de presentar no Ministerio de Igualdade un novo borrador de lei de identidade de xénero. Como foi?

Trátase dun borrador de lei cun proceso complexo. Xa se presentara na lexislatura anterior, chegara a través de Unidas Podemos á mesa do Congreso e, de feito, naquel momento xa se iniciara a súa tramitación parlamentaria, mais quedara paralizada polo Partido Socialista. Daquela, a Unidas Podemos interesáballe sacalo adiante por unha cuestión de rédito electoral, mais co comezo desta nova lexislatura o proceso non volveu á cámara por falta de interese, o rédito xa non lles era necesario.

Desta volta, a través dunha plataforma trans estatal presentouse ao Ministerio de Igualdade un novo borrador de lei de identidade de xénero, mais desde a sede do Ministerio díxose que tiña problemas técnicos e de fondo. A miña impresión, como profesional, é que o proxecto é horroroso, infumábel, con moitas incoherencias internas, mais, ao tempo, non é tan diferente ao presentado na anterior lexislatura e por iso o colectivo se sentiu agredido ou afectado. O que fixo o Ministerio, no meu parecer técnico, foi correcto. Hai entidades que entenderon a mensaxe e que se uniron para redactar a canda o Ministerio un proxecto novo e outras que non. Son respectábeis as dúas posturas. A principal negativa é que o proxecto vai tardar en facerse, é dicir, non hai lei nova de identidade de xénero, non a vai haber pronto e os dereitos do colectivo seguen sen resolverse.

en Arelas, o que estamos a facer en paralelo é traballar co Ministerio e con outras organizacións para lograr avances fóra da lei

Nós, en Arelas, o que estamos a facer en paralelo é traballar co Ministerio e con outras organizacións para lograr avances fóra da lei, tendo xa en mente que a lei tardará. Mais somos optimistas porque a vontade do Ministerio de Igualdade vese que é boa. A situación nunca foi fácil, aínda que si mellorou un pouco.

Nese sentido, desde Arelas están a desenvolver unha loita diaria.

O labor que facemos en Arelas é titánico e inxusto. Tomamos o pé da acción do Goberno. Nós estamos asesorando familias todos os días, menores, intentando salvar as lagoas que ten a norma, propondo textos de protocolos ás Administracións... Estamos facendo a actividade xenuína que debería de estar a desenvolver a Administración pública. Os medios dos que dispomos son moi escasos e as actividades que se nos demandan son cada vez maiores, e máis cun panorama lexislativo que non axuda. Nós atopámonos redactando e corrixindo proxectos normativos, tarefas que se escapan das nosas funcións.

Na criopreservación de óvulos ou ligamentos, por exemplo, a interpretación que debemos utilizar para intentar facer ver que se axeitan ás persoas trans tamén é analóxica. Nós temos que xogar con supostos e argumentar, recorrendo moito a dereitos fundamentais... Hai que surfear nunha maraña de cuestións.

O feito de poder contarmos con tan só unha norma que aclarase que os menores poden solicitar cambio de sexo e nome sería un mundo e cambiaríalle a vida a moita xente

A forza que os colectivos desenvolve é para que a lei sexa integral, non sectorial, para uniformizar. Aínda que a lei fose de mínimos, aínda que regulase poucas cuestións, para as persoas LGTBI sería un universo enteiro. O feito de poder contarmos con tan só unha norma de dous parágrafos, que aclarase que os menores poden solicitar cambio de sexo e nome, e como o poden facer, sería un mundo e cambiaríalle a vida a moita xente en menos de 24 horas, mais non hai vontade política de facelo. A ninguén lle interesan dereitos dos nenos e das nenas trans, só ás súas familias. Nós seguimos atopando cousas delirantes a diario.

Como define a situación do colectivo LGTBI na Galiza?

Os dereitos do colectivo LGTBI, e en xeral os dereitos civís no Estado, preocupan cando hai período electoral e cando non hai período electoral non preocupan. É un mal endémico. De feito, tanto a nivel estatal como a nivel galego parte dos proxectos ou conatos de avances que houbo en materias de dereitos coincidiron con períodos electorais.

Na Galiza, a situación é moito máis complexa porque goberna con maioría absoluta do Partido Popular, e isto coloca o país nun lugar peor que outras comunidades autónomas. A lexislación en materia de dereitos que ten a Comunidade valenciana, por exemplo, é unha envexa para todo o Estado. 

Na Galiza, a situación é moito máis complexa porque goberna con maioría absoluta do Partido Popular

Galiza foi a primeira que tivo unha lei LGTBI, en 2014, pero xa está. É unha lei que nunca foi desenvolvida regulamentariamente: é unha lei que nunca se modificou, nunca se actualizou, por dicilo así, unha lei que non ten aparato sancionador, non estabelece ningunha medida concreta, unha lei que se pronuncia en termos xenéricos... 

Nós en Arelas fixemos unha avaliación de impacto da norma e de trinta e pico medidas que tiña non había cumpridas nin 10%. O único que se fixo da norma foi lanzar o Observatorio galego LGTBI, que é inoperante, a Unidade de atención centralizada da transexualidade do complexo hospitalario de Santiago que, aínda sendo creada en 2018 a data de hoxe aínda non ten un regulamento interno de funcionamento, co cal non é referencia para o resto de áreas sanitarias. Non se fixo moito máis que iso.

en Arelas fixemos unha avaliación de impacto da norma e de trinta e pico medidas que tiña non había cumpridas nin o 10% 

O primeiro informe de seguimento desta lei publicouse cun ano de atraso e é horríbel. Nel mestúranse dereitos de orientación sexual e identidade de xénero con actividades en saúde sexual e reprodutiva. Boa parte do documento refírese ao VIH e á Sida, facendo unha especie de identificación indirecta entre colectivo LGTBI e VIH. 

no informe de seguimento da lei faise unha especie de identificación indirecta entre colectivo LGTBI e VIH

Houbo intentos por parte da comunidade LGTBI galega de facer un borrador da norma. Quixo presentarse no parlamento da Galiza, mais non saíu adiante. No Partido Popular, polo que a min me consta, non existe vontade para modificar de lei nin para facer unha nova. Eu teño un espírito moi crítico con esa lei, para min nin é pioneira. Non é inocuo para nós facer parte dunha comunidade autónoma que está á cola. 

Fixéronse 35 anos da primeira sentenza en lingua galega. Cal é, desde o seu punto de vista, a situación sobre o uso do galego na xustiza?

A situación do galego na xustiza é catastrófica. Son galegofalante e como xurista emprego o galego nos meus documentos e na miña relación coa clientela de forma habitual, mais non coñezo cinco xuristas máis que o fagan. O galego na docencia do grao en Dereito é de 16%, mais a docencia en galego no mestrado de avogacía, que é obrigatorio para todo o estudantado que queira facer exercicio en sala, é de 2,6%. É dicir, a formación xurídica en galego, para producir textos en galego no ámbito xurídico, é practicamente nula. Hai mestrados na facultade de dereito no que a docencia en galego é cero. Co cal, como vexo a situación do galego na xustiza? Agónica. 

a formación xurídica en galego é practicamente nula

Trato habitualmente con notarías, avogados, procuradores, fiscais... A última vez que lle pedín un texto en galego a unha notaría tiña máis de 70 erros lingüísticos en cinco páxinas, que eu tiven que corrixir... É dicir, o xurista galegofalante non só é xurista, senón que tamén ten que ser activista político, corrector de textos, tradutor... e ao final acabas sentíndote o raro da película, como que debes batallar sempre para que un mínimo de galego entre na xustiza, algo que é esgotador, unha loita diaria. Aínda non vin o primeiro documentos de xulgados en materia trans en galego, mais si que vin fiscais ou xuíces que che piden que traduzas do galego ao castelán.

o xurista galegofalante non só é xurista, senón que tamén ten que ser activista político, corrector de textos, tradutor...

Para min a solución é superar a lei de Normalización do 83, superar a ficción xurídica. A ficción dinos “todo o mundo ten dereito a utilizar o galego”. Pasemos á realidade, como vou ter eu dereito a utilizar o galego se o funcionario non ten por que falarme en galego? Hai que facer un modelo inmersivo, obrigar a que o funcionariado dalgunha maneira teña que coñecer a lingua para que hoxe poida acceder ao posto, porque hoxe non é así. Hoxe o galego non é requisito sine qua non. E como me vas falar a min galego se non sabes? Deste modo estás vulnerando o meu dereito a recibir unha resposta en galego. 

O bilingüismo cordial que defenden algunhas formacións políticas non está funcionando e, para comprobalo, non hai máis que coller as estatísticas de ensino en galego, ou do uso do galego en ámbitos xudiciais. Como vai competir a lingua galega nun panorama que tan só conta con tres canais de televisión en galego? E na prensa escrita? Antes de Nós Diario, que xornais había en galego? A situación é preocupante.