Miguel R. Carnota: "Os centros educativos son axentes de españolización absoluta"

Primeiro día de colexio no CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela (Foto: Arxina).
A súa experiencia como docente e responsábel do servizo de dinamización da lingua, mais o precedente que sentaron traballos como os de Ana Iglesias e Valentina Formoso sustentan a tese 'Lingua, poder e adolescencia no proceso de substitución lingüística', de Miguel Rodríguez Carnota.

Cal foi o punto de partida da súa investigación?
Como docente, unha das cousas que vía é que a rapazada é maioritariamente castelanfalante. O galego está practicamente desaparecido da súa fala normal. Observei que aqueles pouquísimos que entraban no instituto falando galego, ao cabo dun tempo xa non o facían con normalidade. Cos anos, fun comprobando que tamén había rapaces e rapazas a quen nunca escoitara falar galego, pero cando os vías pola rúa si o falaban. Pregunteime cal é ese ambiente que no profesorado somos incapaces de percibir. Ese foi o punto de partida. Nun momento, fíxenme cargo do equipo de dinamización da lingua galega, e entrei en contacto con ese pequeno núcleo que si tiña inquietude e percibín os problemas para empregar o galego como lingua normal no centro.

 A súa tese estuda o caso dun centro en concreto.
Si. É unha investigación cualitativa, dun instituto dunha vila en concreto, que na tese non se identifica. Nela, o que se pretende é reflectir a subxectividade do alumnado, a súa valoración da influencia do instituto nas súas condutas lingüísticas.

Que metodoloxía empregou?
Fixen entrevistas en profundidade, baseadas nas historias de vida, nas que contaron toda a súa experiencia relativa ao uso da lingua no instituto. Contei con 10 informantes, ex alumnos do centro non aleatorios, senón persoas con sensibilidade cara á lingua, ben por entrar falándoa ou ben porque nun momento determinado da escolaridade pretenderon facer unha muda ao galego. 

E que detectou?
Os resultados foron chocantes e dolorosos. Foise confirmando que un instituto, e a vila en xeral, é un ambiente adverso para que un adolescente falase galego. Ás veces, con narracións moi dramáticas. 

Pode concretar?
Situacións que non por esperadas deixan de ser sorprendentes. As persoas entrevistadas pon como principal causa para abandonaren o uso da lingua galega como normal a reacción negativa dos compañeiros e compañeiras e esas reaccións hainas de todo tipo: desde a estrañeza, por exemplo, ante unha persoa que da noite para a mañá se pon a falar galego até ataques moito máis duros e fondos, que entrarían dentro do acoso escolar.

Esa presión viña unicamente do alumnado?
Moi minoritariamente relátanse comentarios improcedentes e situacións máis graves por parte de persoas concretas do profesorado. Son dous ou tres casos, pero reaccións moi serias de singularización en público, burlas… cousas que un non imaxinaba.

Como é a reacción das e dos adolescentes a esa atmósfera?
Percíbense dous discusos: un de aceptación ou confirmación da existencia do acoso e outro que é todo o contrario, de quen di que 'non foi para tanto'. O feito é que falar galego é un estigma. É algo que sabemos que existe e máis, seguramente, na adolescencia. Cando Valentina Formoso escribe en 2013 o libro Do estigma á estima ninguén bota as mans á cabeza. A tese tamén acaba averiguando as reaccións a ese estigma. Hai quen claudica de forma temporal e, cando perde de vista o instituto e ese ambiente que presiona para non falar galego, volve. Outros moitos falan galego en círculos delimitados, fóra das aulas. 

Cales son as conclusións principais deste traballo?
A conclusión é que o instituto é un terreo hostil para a fala como lingua normal. Claro que se usa para determinadas materias concretas, pero o uso normal, aí si que tes problema.

A que remite o termo "poder" do título da súa tese?
Tomo o poder desde un punto de vista bastante foucaultiano: que di Michel Foucault? Que o poder non se detenta senón que se exerce. O que este filósofo fai é centrarse na circulación do poder na sociedade. E son as propias persoas quen actúan moitas veces como supercondutoras das directrices do poder. É así como se entende a actitude destes rapaces e rapazas, que se burlan dese crío que fala galego ou desa moza que o usa noutros ámbitos. Ollo, non quero criminalizalos, para nada. Fano cun escasísimo nivel de conciencia. 

Propón algún mecanismo para contrapesar ese ambiente contrario ao galego nos centros?
 A tese o que fai é expor o problema, pero propostas hai moitas, e moi efectivas. O primeiro é que tomemos consciencia de que este problema existe. Calquera docente de calquera centro debe entender que a súa función, e a función da institución educativa, é, como mínimo, posibilitar que un rapaz ou unha rapaza poida entrar e saír falando galego. Xa non digo de promocionar a lingua galega, que debera ser. E despois, hai que chegar a outro tipo de acordos, facer unha política lingüística que mereza tal nome e que responda a un problema que é serio. Malia que a tese se refire a un único centro, sabemos que está pasando en múltiples lugares e vemos que os centros educativos son axentes de españolización absoluta.

Unha "discriminación" que non atopa tanta sensibilidade

O autor atopa paralelismos entre as estratexias da mocidade galegofalante e as doutros colectivos minorizados. "Compróbase que os argumentos e sistemas que teñen para defenderse do estigma son moi parecidos ás reaccións doutros colectivos cos que non teñen relación, como persoas gais e lesbianas ou negras en Nova York", observa.

"Moitas cousas cambiaron para ben nos últimos anos no ensino: a identidade e a orientación sexual, o xénero ou a etnia... Desgraciadamente non existe a mesma sensibilidade coa discriminación por razón de lingua", opina, e pon como contraexemplo o de Francia, que acaba de aprobar unha proposición de lei en contra da glotofobia, para atallar a discriminación aos sotaques diferentes do estándar parisino. "Mentres, aquí nin sequera coñecemos esa palabra", avalía.