Miguel Cernadas: "Terbutalina, foi a nosa carrilana, coa que nos tirar costa abaixo, e aquí seguimos"

No 'Caderno de Verán' entrevistamos o cantante e guitarra de Terbutalina.

Os integrantes do grupo Terbutalina teñen vacacións durante o verán ou hai moito traballo?

Desde que comezamos levamos bastantes veráns sen coller vacacións. A pandemia permitiunos descansar un pouco o ano pasado pois o número de concertos descendeu moito. O que máis boto en falta é viaxar para dar concertos. Ademais do que implica o show en si, encántame a viaxe, o desprazamento, coñecer outro lugar, probar a comida típica, falar coa xente... é todo unha experiencia que nos deu o grupo; coñecemos lugares que, de non ser pola música, nun teriamos visitado.

Cando teñen algo de tempo libre, que tipo de actividades lles gusta realizar?

Entre compor e ensaiar dedicamos a meirande parte do noso tempo á música. Ademais, cada un tamén ten o seu traballo, eu son guía de turismo e no verán intento compaxinalo todo, polo que até setembro case non teño descanso. Cando dispoño de tempo libre escoito moita música.

De orixe esteirana, que opinan do Festival das Carrilanas de Esteiro que se realizará esta fin de semana?

Penso que acompañar a festa tradicional das carrilanas cun festival de rock é un acerto e vese que está a funcionar moi ben. A importancia do evento segue a recaer na baixada das carrilanas pola costa do Maio. Ademais, en Esteiro hai moita tradición de grupos musicais e a nós encántanos que o festival conte coa música propia. Penso que non hai festa máis punk que esta, baseada en lanzarse por unha costa xigante en coches feitos por un mesmo. Sentímonos moi identificados con iso: nós un día tamén decidimos crear Terbutalina, que sería a nosa carrilana, coa que nos tirar costa abaixo, e aquí seguimos.

Podería recomendar unha película ou grupo de música para este verán?

Recomendo unha película que vin recentemente, Muchos hijos, un mono y un castillo, de Gustavo Salmerón, un filme documental moi bo cun humor que acompaña moito o do grupo. 

No referido á musica, intentamos escoitar todo o novo que se estrea na Galiza. Persoalmente, gústame moito o que fan Copa Turbo, tamén o último traballo que realizou Grande Amore ou as propostas de Ortiga.