"Cando suspenderon o servizo militar obrigatorio deixaron aberta a porta a reinstauralo"

Miguel Anxo Abraira foi obxector de conciencia e pasou polo cárcere (Foto: Nós Diario).
Miguel Anxo Abraira, que pasou polo cárcere tras oporse a prestar o servizo militar obrigatorio, conversa con 'Nós Diario' sobre o 'Manual de obxección de conciencia' que impulsa o colectivo Berro Seco, do que forma parte, para explicar á mocidade a importancia deste procedemento para evitar unha chamada 'a filas' do Exército, nun momento de "escalada" en Ucraína e o norte de África.

O movemento insubmiso e pola obxección de conciencia tivo unha gran forza na Galiza desde a Transición; porén, desde a suspensión en 2002 do servizo militar obrigatorio semella non ser xa unha preocupación para a meirande parte da xente. Existe unha ameaza real de que se volva instaurar a 'mili'?

Hai unha ameaza real. Cando se suspende o servizo militar obrigatorio déixase unha porta aberta a volver estabelecelo, e por mor da situación que se está a dar no conflito internacional entre Rusia e a OTAN revisamos a lexislación que hai actualmente. Tamén estabamos un pouco preocupados pola Lei de seguridade nacional e démonos conta de que dun día para outro poden chamar moitos mozos non para só ser declarados reservistas, senón que pasarían a formar parte do Exército español. Iso significaría que pasarían de aplicarlles o Código Penal común ao Código Penal militar.

A guerra en Ucraína, os conflitos con Marrocos e Alxeria... Se ben non semella unha posibilidade a día de hoxe, no caso de que o Estado español entrase nunha guerra da man da OTAN poderían ser chamados a tomar as armas os mozos galegos que non son oficialmente obxectores de conciencia?

Poden ser chamados a tomar as armas ou simplemente a formar parte da estrutura do Exército na retagarda, serían tamén suxeitos militares. O conflito no norte [a guerra en Ucraína] ao mellor podería escalar cara a unha Terceira Guerra Mundial, mais tamén co que hai no sur con Alxeria é bastante posíbel que o Estado español chegado o momento participe [nunha guerra]. O gas procede principalmente de Alxeria e cómpre lembrar o xogo de xadrez que hai agora polo sur coa venda de armas dos EUA a Marrocos e co apoio do Goberno español ao marroquí, que evidencia que están pretendendo arrinconar Alxeria, que ten lazos de boa relación coa China e Rusia.

Como é o procedemento para declararse obxector de conciencia?

Nestes momentos estamos igual que antes de aprobarse a Lei de obxección de conciencia [en 1984], nun baleiro legal. A Constitución española estabelece a obxección como dereito fundamental, mais non está regulada para o caso do Exército, da incorporación a filas. Existe un baleiro legal que xa se deu nos primeiros anos da Constitución.

O que se fai é comunicar ao Ministerio de Defensa a obxección de conciencia, e o que pos sobre a mesa é o teu dereito fundamental, recollido na Constitución, de que es unha persoa obxectora que rexeita colaborar co Exército español de forma directa ou indirecta. Ao non haber unha Lei de obxección de conciencia [foi derrogada en 1999], non hai ningún organismo que o recolla. Na nosa proposta de comunicación solicitamos que se tramite co Consello Nacional da Obxección de Conciencia, que só estaba regulado na Lei de obxección de conciencia antes de ser abolida. Non é un proceso regulado que o Ministerio estea obrigado a comunicarte, pero si ten que dar conta dela [da solicitude de obxector] porque é un dereito fundamental.

Desde a semana pasada, nese 'Manual de obxección' que presentaba Berro Seco, comentaban que quen queira facer os trámites lles envíe a súa folla de obxección. Nesta primeira semana xa recibiron algunha obxección de conciencia ou noticias de xente que queira facer os trámites? 

Xa chegou a primeira ducia de obxectores de conciencia, aínda que chegaron a 'contagotas'. Nesta semana o que estamos a facer é difundir o manual [de obxección de conciencia, promovido polo colectivo Berro Seco]. No caso de que haxa algún tipo de escalada militar vai ser bastante utilizado e imos comezar a organizar charlas polo país adiante para explicar un pouco a situación en que están os mozos e as mozas e os que non son tan mozos e mozas, sobre todos os mozos de 19 a 25 anos, que están como reservistas forzosos tal e como estabelece a lei actualmente.

Como comenta, eses últimos cambios lexislativos estannos encamiñando en parte a abrir a porta a que nun futuro se volva estabelecer o servizo militar obrigatorio.

Eu creo que o Goberno é coñecedor de que estamos no final dun ciclo de crecemento económico, do final da enerxía abundante e barata e dos recursos. Entramos nun novo ciclo que significa que non hai de todo para todos, que non hai suficiente gas, petróleo ou terras para todos. Iso por desgraza, os que teñen o poder intentan solucionalo pola vía militar, conquistando territorios que lles poidan fornecer eses recursos para utilizalos Occidente.

As guerras de Libia, ou Kuwait teñen de transfondo o acaparamento pola forza dos recursos enerxéticos e mineiros. Parece que o que estaba previsto é camiñar cara un liberalismo 2.0, e para iso fan falta moitos recursos. Os Estados que teñen eses recursos tamén teñen exércitos que utilizan para intentar parar esa ofensiva. Estamos ao bordo dunha Terceira Guerra Mundial con moitas frontes abertas: a do norte con Rusia, a do sur con Alxeria e incluso a fronte do Pacífico, xa que os EUA acaban de crear unha 'mini OTAN' xunto con Xapón e Australia para tentar parar a expansión da China. Estamos entrando nunha nova Guerra Fría con dous polos claramente diferenciados: o polo occidental, coa OTAN, os EUA, Europa, Australia e outros países, e o polo euroasiático, formado principalmente por Rusia, China e Libia.