Microplásticos: cada persoa inxire 50.000 partículas ao ano

As investigacións céntranse agora en determinar o seu impacto para a saúde das persoas. 

Cada persoa inxire en media 50.000 partículas de microplásticos e inhala outras tantas. É a estimación inicial publicada esta semana na revista ‘Environmental Science and Technology’, nun meta-estudo que reúne e sistematiza os datos de 26 estudos anteriores e fai a primeira estimación da inxestión de microplásticos por parte dos humanos; eque recollen diversos medios de comunicación e portais, como The Guardian ou Esquerda.net.

Os microplásticos son as minúsculas partículas que resultan da desintegración do plástico: na natureza, o plástico fragméntase pola acción dos elementos en partículas menores e pequenas. Cando estas teñen unha lonxitude inferior a 5 milímetros, considéranse microplásticos. Quimicamente, continúan a ser plástico, mais co seu pequeno tamaño estas partículas chegan a lugares anteriormente inaccesíbeis, por exemplo, organismos vivos.

Nos últimos anos, os científicos comezaron a detectar mellor os microplásticos. Desde entón multiplicáronse artigos para descubrir estas partículas no solo, no río, nos océanos, na atmosfera. Outra liña de investigación comezou a detectalas en alimentos destinados ao consumo humano, como auga (de billa ou botellas), peixe e marisco, sal, cervexa, entre outros. En outubro do ano pasado, un artigo detectounos por primeira vez en feces humanas, confirmando a hipótese de que o organismo humano inxíreas

O meta-estudo publicado agora recolle datos dos traballos anteriores sobre os niveis de microplásticos na atmosfera e en varios alimentos (peixes, mariscos, azucre, sal, cervexa, auga) e calcula  o número de partículas que cada persoa come nun ano: 50.000 para adultos, 40.000 para nenos. Esta estimación é preliminar e á baixa, xa que o conxunto de alimentos probados é moi pequeno en comparación co que un cidadán medio consome.