Un meteoro iluminou o ceo da Galiza esta cuarta feira: deixou un ronsel de cor entre verdosa e azulada
A primeira hora desta cuarta feira un bólido iluminou o ceo da Galiza após entrar en contacto coa atmosfera sobre o océano, entre o paralelo de Fisterra (comarca homónima) e o da Guarda (Baixo miño). A distancia foi suficiente para que se puidera ver en toda a xeografía galega durante tres segundos.
A información solicitada polo Observatorio Astronónico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC) apunta a que se tratou dun bólido, é dicir, unha pedra cósmica que deixou un ronsel de cor entre verdosa e azulada polo seu alto contido en magnesio. En todo caso, como sinalou o director do observatorio, José Ángel Docobo, non existen "moitas testemuñas" do fenómeno, probabelmente, pola hora na que se produciu (8.18 horas) e o ceo cuberto.
O bólido puidose ver en todo o territorio da Galiza a gran velocidade na súa desintegración. O departamento de astronomía da USC e o 112 solicitaron testemuños desde distintas localidades repartidas pola xeografía galega, desde Carballo (Bergantiños) a Boiro (Barbanza), Melón (Ribeiro) ou Sarria (comarca homónima).
A información achada sitúa a entrada en contacto coa atmosfera do meteoro sobre o océano Atlántico cunha traxectoria que, en función da posición, foi de dereita a esquerda ou de dereita cara o sureste. Ademais, algunhas das testemuñas chegadas desde Lugo afirman que, tras deixar un ronsel durante uns tres segundos, partiuse en tres anacos antes de desaparecer por completo.
O Observatorio Ramón María Aller pide a colaboración cidadá para tratar de conseguir algunha gravación ou fotografía do fenómeno, xa que o observatorio se atopa en obras e, a primeira de hora desta quarta feira, tiña as cámaras desconectadas. Porén, Docobo aclara que, aínda que estivesen activas, as cámaras deixan de gravar coa luz do día, polo que a hora na que se produciu o avistamento do bólido na Galiza dificulta que o rexistro polos seus medios.