Os metáis tóxicos que baixan polo río Ulla até a Ría de Arousa

Adega dá a coñecer os resultados das análises encargadas pola asociación das augas dos ríos Portapego e Pucheiras que drenan a antiga mina de Touro. Os metais tóxicos sobardan todos os límites, e iso coa mina parada...

Os regatos Pucheiros e Portapego, afluentes do Ulla, teñen una importante carga de metáis lixiviados, que superan os máximos fixados pola normativa. Unha “bomba” ambiental, pois tamén hai metais que son bioacumulativos,  tenden a concentrarse nos tecidos vivos ao longo de toda a cadea trófica, polo que antes ou despois acabarán provocando alteracións fisiolóxicas e xenéticas. Algo a ter moi en conta porque as augas destes regos chegan a través do Ulla, á Ría de Arousa, una importante zona marisqueira e pesqueira.

 

Esta é a denuncia que fai Adega, a asociación ambientalista que vén de dar a coñecer os resultados das análises que encargou sobre as augas de regos que drenan a antiga mina de Touro, explotación que quer  reactivar unha multinacional.

 

O pasado 28 de novembro membros de Adega e a plataforma ‘Mina Touro O-Pino Non’ recolleron as mostras de auga. “Cumprindo cos protocolos de recollida, as mostras foron convintemente etiquetadas e remitidas a un laboratorio homologado para realizarlles un panel completo de metáis”.

 

Resultados

 

Segundo informa Adega, os resultados mostran unha importante carga de metais lixiviados. Nalgúns elementos de até 6 veces por riba da media anual que fixan as NCA (Normas de Calidade Ambiental, Real Decreto 817/2015). Noutros casos (aluminio, ferro, manganeso) os valores superan as recomendacións da OMS (Guías de calidade da auga) e os criterios sanitarios para a auga de consumo (Real Decreto 140/2003).

 

“O resultado destas análises confirma o agardado para unha instalación mineira, hoxe inactiva, e que non acometeu os preceitivos labores de restauración”, indican desde a Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega). Como consecuencia e durante anos, aseguran, millóns de metros cúbicos de augas carregadas de metais tóxicos estiveron escoando dende as instalacións mineiras á bacía do Ulla.
 

 

Tanto Adega como a Plataforma "Mina Touro-O Pino NON" exixen a Augas de Galiza e á Consellaría de Medio Ambiente que denegue a autorización para o novo proxecto mineiro e depure as oportunas responsabilidades pola continua contaminación das augas producida durante anos.