Máis da metade das mulleres asasinadas por violencia de xénero en 2023 tiñan menores ao seu cargo
Máis da metade das mulleres asasinadas por violencia de xénero en 2023 tiñan menores ao seu cargo no momento no que se produciu o crime, segundo o 'Informe sobre vítimas mortais da violencia de xénero e doméstica no ámbito da parella ou ex parella', que publicou esta sexta feira o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).
Así, das 58 mulleres asasinadas por violencia de xénero o ano pasado, 55,2% eran nais de nenos menores de idade. En todo caso, a porcentaxe de vítimas que eran nais ascende até o 74,14% se se teñen en conta tamén os fillos maiores de idade.
Igualmente, do informe despréndese que dos 58 menores que quedaron orfos o pasado ano, 37 (63,8%) eran fillos biolóxicos do agresor. Mentres, os outros 21 naceron durante relacións anteriores ou posteriores das vítimas. O número de persoas que en 2023 perderon ás súas nais, independentemente da súa idade, foron 83.
Perfil de vítimas e agresores
En 2023, segundo CXPX, o perfil da vítima é o dunha muller cunha idade media de 42,9 anos, nai, de nacionalidade española en algo máis da metade dos casos (55,2%), que convive co seu agresor (60,3%) e que mantén con el unha relación afectiva (70,7%), xa sexa matrimonial ou doutro tipo, no momento de producirse o crime. Do mesmo xeito que en anos anteriores, máis da metade das vítimas (58,7%) tiñan entre 26 e 45 anos, aínda que esa franxa de idade representa menos dun terzo da poboación de mulleres maiores de 15 anos.
Do total de vítimas, 32 eran españolas (55,2%) e 26 (44,8%) procedían doutros dezasete países: 34,6% situados en África; 26,9 % en América; a mesma porcentaxe, en Europa e 11,5%, en Asia.
En canto ao agresor, o informe revela que é un home español en 55,2% dos casos, cunha idade media de 47,3 anos (máis de catro anos superior á das vítimas). Tamén indica que un 12,1% entregáronse tras cometer o crime. A maioría (56,9%) foron detidos e 24,1% suicidáronse. Respecto a estes últimos, na súa maioría (57,1%) tiñan un vínculo matrimonial coa vítima, unha idade media de 55,3 anos e nacionalidade española en sete de cada dez casos (71,4%).
O domicilio, principal escenario dos feminicidios
O CXPX tamén aborda no informe as circunstancias da agresión. Neste sentido, sinala que, un ano máis, o domicilio, común ou dun dos membros da parella ou ex parella, foi o lugar no que se rexistraron oito de cada dez (77,8%) feminicidios. En porcentaxes moi inferiores, outros escenarios foron o lugar de traballo (7%), un hotel (6%) ou a vía pública (5%).
Tamén revela que o método empregado en 51,8% dos casos foi a arma branca, seguida pola arma de lume (19,6%), a asfixia ou o estrangulamento (15%) e os golpes (10,7%), entre outros. Na serie histórica, 64,6% dos feminicidios cometidos con arma de fogo terminaron co suicidio do agresor.
En 2023 produciuse unha rechamante concentración de casos (25 dos 58) no verán: 10,6 % en xuño; 14,9% en xullo; 17% en agosto e 21,3% en setembro. O domingo foi o día da semana con maior concentración de feminicidios, cun 36,2% dos casos.
Denuncias
Por outra parte, segundo o CXPX, unha de cada catro mulleres asasinadas en 2023 (25,9%) presentara unha denuncia previa contra os seus agresores, o que supón 15 das 58 vítimas. Delas, cinco mantiñan a convivencia co seu agresor. Esta porcentaxe di que é "notabelmente inferior" ao rexistrado en 2022, ano no que preto da metade das mulleres asasinadas (40,8%) denunciaran a situación de violencia na que vivían.
A maior parte das denuncias do 2023 foron presentadas por mulleres con idades comprendidas entre os 36 e 45 anos (36,8%). O informe revela que as vítimas que denunciaron os seus agresores pertencían a todas as franxas de idade até os 65 anos; non o fixeron en ningún caso as mulleres con máis de 65 anos, a pesar de que 8,6% das asasinadas pertencían a este grupo de idade.
Por nacionalidades, a porcentaxe de vítimas mortais estranxeiras que denunciou ao seu agresor é superior ao de vítimas españolas. Entre estas últimas, presentaran denuncia 15,6%, mentres que no grupo das vítimas procedentes doutros países esa porcentaxe foi de 38,5%. En tres dos 58 casos que analiza o informe, existía unha medida de afastamento en vigor e o asasinato cometeuse, respectivamente, no lugar de traballo da vítima, nunha praia e no interior dun hotel. Noutros dous casos, existiran medidas con anterioridade, pero no momento dos feitos estaban canceladas.