Máis da metade do persoal médico de Primaria ten que prolongar a xornada para atender todos os pacientes

#doutor #médico #médica #hospital #saúde #sanidade #sanidade_pública #sanidadepública #sergas #atenciónprimaria #atención_primaria (Foto: Nós Diario)
Seis de cada dez profesionais afirman traballar máis horas que as estabelecidas legalmente, e só un terzo é capaz de atender dentro da súa xornada toda a axenda do día.

O sindicato médico O'Mega vén de denunciar que "máis da metade" dos facultativos de atención primaria no Servizo Galego de Saúde (Sergas) prolongan a súa xornada laboral para poder atender todos os seus pacientes. O colectivo fixo públicos esta segunda feira os datos dunha enquisa realizada entre 1.400 médicos que, segundo resalta O'Mega nun comunicado, referenda as súas alertas sobre a "sobrecarga" de traballo á que deben facer fronte ás e os profesionais no país.

Deste modo, 15,6% do persoal médico consultado asegura que "sempre" están obrigados a estender a súa xornada para facer fronte a todos os pacientes asignados cada día, algo que o 18,6% di realizar "dous ou tres días á semana" e 28,1%, de forma ocasional.

O'Mega subliña que "apenas un de cada tres facultativos" do Sergas é capaz de atender toda a súa axenda sen necesidade de realizar máis horas das estabelecidas no seu contrato.

A respecto do tempo empregado fóra do oficial, son maioría (86,6%) quen prolongan a súa xornada unha hora, aínda que 9,4% di facelo entre dous e tres horas, barreira que exceden 4% dos enquisados.

O sindicato incide en que só un terzo dos médicos atende o número de pacientes fixado pola Xunta dentro dos estándares de calidade asistencial —entre 32 e 40 pacientes ao día—. Así, 28% das e dos profesionais di ver cada día entre 40 e 45 persoas; 21%, entre 45 e 50, cifra que aseguran superar o 7,7% deles, que denuncian que, en ocasións, superan a barreira das 60 persoas doentes.

Punto de atención continuada

A enquisa de O'Mega tamén recolle datos sobre os médicos dos puntos de atención continuada do Sergas, entre os que 17,6% sosteñen que traballan por riba do límite legal da xornada laboral no Estado español (160 horas) e case un de cada catro afirma que é desprazado a outros centros por causas organizativas ante a falta de persoal.

Entre os participantes no estudo do sindicato hai 35% de médicos que teñen máis de 60 anos, e o 65,4% superan os 50, algo que, para O'Mega, revela o problema que existe na Galiza coa remuda xeracional dos facultativos, unha situación que "se agravará nos próximos anos" dado que "dous de cada dez" xubilaranse nos próximos cinco anos.