Xustiza

Lesións, seguridade viaria, violencia machista... cales son os delitos que máis se cometen na Galiza?

Fernando Suanzes e Miguel Ángel Santalices esta terza feira, no acto de entrega ao Parlamento da Galiza da Memoria 2022 da Fiscalía. (Foto: Arxina)
A metade das sentenzas condenatorias por violencia machista executadas na Galiza en 2022 ficaron suspendidas. Nese ano houbo 484 resolucións con penas de prisión e 467 con traballos comunitarios. En total, 931, das que 477 quedaron en "suspensión de condena", segundo as estatísticas recollidas na Memoria da Fiscalía correspondente a 2022, que esta terza feira foi entregada ao Parlamento da Galiza.

Unha de cada dúas sentenzas executadas o ano pasado na Galiza por violencia machista e que implicaban unha condena para o acusado ficaron suspendidas. Nesa situación están 477 das 931 resolucións adoptadas nese exercicio, ás que hai que engadir as oito substitucións de pena. A suspensión do cumprimento da pena está contemplada na lexislación e adóptase de se cumprir unha serie de requisitos previstos no Código penal. Por exemplo, se a condena é inferior ao límite mínimo estabelecido para entrar en prisión e o condenado non delinquiu con anterioridade.

En 2022 as denuncias interpostas na Galiza por violencia machista bateron marca. Foron 7.029, o que supón un incremento de 12% a respecto do exercicio anterior (770 máis). Os datos da Memoria da Fiscalía rexistraron en 2022 un total de 6.926 mulleres na Galiza vítimas desta violencia.

Os delitos incoados no país máis representativos en canto a violencia machista e excluídos os delitos leves son o maltrato ocasional, con 2.979 casos; e o quebrantamento de medidas cautelares ou condena, con 846. Ségueo o maltrato habitual, con 835 delitos incoados; o impagamento de pensións (182), as ameazas (70) ou as lesións (39). No que atinxe ás ordes de protección e medidas cautelares, foron incoadas (solicitadas) 1.882, das que 1.267 foron adoptadas, 608 denegadas e 7 inadmitidas.

Que delitos se cometen na Galiza?

A memoria que esta terza feira entregou o fiscal superior na Galiza, Fernando Suanzes, ao presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, permite coñecer que delitos son os que máis se cometen no territorio galego. As estatísticas rexistran  os delitos incoados de lesións como os máis numerosos: 24.521 e un 7% de aumento a respecto do exercicio anterior.

A seguir, figuran os que se cometen "contra o patrimonio e a orde socioeconómica", que suman 22.003. Os delitos contra a seguridade viaria (9.164), contra a liberdade (4.731) e contra a administración de xustiza (4.641) completan a listaxe dos cinco delitos con maior presenza. Os delitos sexuais (1.698), contra a orde pública (1.503) e contra a saúde pública (1.368) figuran entre os 10 primeiros.

Medio ambiente e urbanismo

En 2022 rexistráronse 126 dilixencias de investigación penal (DIP) na área especializada de Medio Ambiente e Urbanismo. Neste grupo, as investigacións que reúnen máis casos son as relativas á ordenación do territorio e urbanismo, con  53; seguidas das relacionadas co medio ambiente, que foron 32. Tamén se incoaron 16 DIP en relación ao patrimonio histórico, 11 por maltrato animal, outras tantas por incendios forestais e catro en relación ao que na memoria se cualifica como "flora e funa".

As estafas informáticas creceron 36%

O informe reserva un apartado especial para a delincuencia informática ou ciberdelincuencia. A estatística de 2022 reflicte unha cifra total de 301 delitos informáticos cualificados, 74 máis que no exercicio anterior. Deses máis de 300 casos recollidos na memoria,  os máis numerosos son os 234 contra o patrimonio, 34 contra a liberdade sexual e 19 contra a intimidade. Neste sentido, as estafas informáticas aumentaron en 36%, segundo avanzou esta terza Fernando Suanzes.

Compromiso

Suanzes lembrou, en declaracións aos medios, que a actividade do Ministerio Fiscal na Galiza está radicada en 149 fiscais, que compareceron o  pasado ano en 16.000 xuízos e realizaron 15.000 escritos fiscais e 500 escritos de alegacións en materia de menores. Após a entrega da memoria, o documento explicarase "máis en detalle" durante unha sesión do Parlamento.