A metade d@s 80.000 doentes mentais da Galiza non accedeu aínda á lei de dependencia

Impulsada por 282 profesionais --un terzo do sector--, preséntase o Movemento Galego de Saúde Mental para rachar cun panorama onde o 30% das camas non se poden usar malia estaren baleiras namentres a atención está colapsada mesmo no servizo de urxencias. 

 

"Dixéronnos que esta declaración era dura. O duro está ás noites en Urxencias, cando os pacientes chegan e hai que os mandar de volta porque estamos a falar de portas xiratorias non en hospitalización, senón no servizo de urxencias".  

Así de taxativo se manifestou o psicólogo clínico no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela Miguel Anxo García Álvarez, voceiro da plataforma Movemento Galego de Saúde Mental que se presentou en sociedade esta quinta feira para rachar cunha situación "moi preocupante" derivada do uso "inaceptábel" dos recursos e "limitando os dereitos asistenciais das persoas".

No panorama que debuxou García Álvarez, hai na Galiza 80.000 doentes mentais e del@s máis da metade --até 41.000-- non tiveron acceso aínda ás prestacións e servizos que garantiría a lei de dependencia "á cal teñen dereito". Aliás, o 30% das camas de hospitalización psiquiátrica "están sen ocupar, que non pechadas, en periodos prolongados", polo que "están aí mais non se poden usar" namentres a atención nos centros públicos de saúde mental está colapsada mesmo en urxencias.

Hai máis. A distancia entre as consultas de revisión --as chamadas consultas sucesivas-- "pón en cuestión que se estea a prestar ben o servizo" pois, no canto de atender @ doente cada 15 días, as consultas teñen que se dar "para dentro de varios meses" porque o servizo "está saturado". Acrecentou o psicólogo clínico que o acceso á unidade de rehabilitación "está pechado, non de maneira taxativa mais en grande medida" e que esta situación se produce ao tempo que as persoas sen teito son cada vez máis "e calculamos que o 50% delas precisarían atención psicolóxica". 

U-las políticas relacionadas coa prevención de suicidios?

Para alén de reclamaren que se solucione esta situación, que voltou cualificar de "moi preocupante", Miguel Anxo García Álvarez botou man dos dados fornecidos polo Instituto español de Estatística (INE) para dar conta de que a Galiza é o territorio do Estado coa maior taxa de suicidios.

As recomendacións da Organización Mundial da Saúde na liña de axudar a aliviar a débeda familiar, reforzar a protección social e a atención primaria e implementar políticas activas de creación de emprego "non se cumpriron" e entre 2011 e 2012 a cifra de persoas que se suicidaron por mor da súa situación socio-económica medrou dous puntos na Coruña (do 11,7 ao 13,1%), en Lugo (do 13,4 ao 16,1%) e en Pontevedra (do 8,8 ao 9,1%). En Ourense baixou do 12,9 ao 11,8%.

O Sergas está a crear ''unha situación de risco''

"As políticas relacionadas coa prevención de suicidios tiñan que se ter implementado xa e iso tampouco se fixo", subliñou García Álvarez, quen non dubidou en sinalar que a situación provocada polas políticas da consellaría de Sanidade nos servizos públicos de saúde mental da Galiza "crea un panorama de risco e incrementa a inseguranza para os pacientes".

Por todo isto, o recentemente nado Movemento Galego de Saúde Mental comezará o seu traballo cunha procura de información para debullar o caso concreto de cada centro público e investirá esforzos nunha campaña informativa onde denunciarán como "o deterioro da asistencia pública quebra a equidade", na medida en que as persoas con diñeiro poderían resolver esta situación petando na porta dunha clínica privada.

 


---------------------------------------------------
NOTA: Integran o Movemento Galego de Saúde Mental 27 psiquiatras, 44 enfermeir@s, 33 psicólog@s clínicas, 21 auxiliares, 42 TCAE, 16 traballadoras sociais, 14 médic@s intern@s residentes, 10 psicólog@s intern@s residentes, 3 enfermeir@s intern@s residentes, 4 terapeutas ocupacionais, 7 celador@s e unha pedagoga. Aliás, tamén fan parte desta plataforma as federacións de Saúde na CIG e de Sanidade en CC.OO. e as organizacións Asociación de familiares e amigos de enfermos mentais Fonte da Virxe, Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Agrupación Socio Deportiva Alter-Nativa, ONG Solidarios Anónimos, Asociación Xaruma, Asociación de profesionais de drogodependencias e outras conductas adictivas, Asociación galega Dédalo (axuda a nenos con trastornos de Comportamento e TDHA) e Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.