Meses demandando un centro de día para Carnota

Juan Fernández, Asociación de Pacientes Finisterrae
A Asociación de Pacientes Finisterrae onsidera "máis que necesario" o servizo. 

A Asociación de Pacientes Finisterrae leva meses a demandar a cesión dun local por parte do concello de Carnota para poñer en marcha diversos servizos de apoio ós enfermos de cancro.

En xaneiro de 2018 nacía en Carnota esta asociación co obxectivo de prestar servizo ós enfermos e as súas familias. Catro anos despois e cunha pandemia de por medio, os fundadores da entidade recoñecen estar “cansos de chamar ás portas dos concellos da costa da morte en busca de apoio”. Tan só demandan, indican, a cesión dun local para poder poñer en marcha un centro terapéutico.

Outro dos seus principais retos consiste na mellora da calidade asistencial a través da dotación de máis medios ó Hospital de Cee, para o que reclaman unha UCI con servizo 24 horas ou a implantación de máis especialidades.

Lembran a necesidade destes servizos nunha área como a Costa da Morte, “que reunimos un total de 17 concellos que en conxunto, suman máis de 80.000 habitantes que teñen unha alta carencia de servizos sanitarios e de atención primaria solventes, exceptuando o Hospital Virxe da Xunqueira de Cee e tendo como única referencia, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), cun traxecto mínimo de 60 quilómetros en vehículo e escasas combinacións e posibilidades de acudir en transporte público”.