Seis meses de cárcere para cada un dos 16 mariñeiros do cerco acusados polo protesto de 2014

Os acusados estiveron apoiados por mariñeiros procedentes de diferentes portos. Imaxe: @pilaraymara

A Fiscalía solicitaba 48 anos de cárcere en total por desores públicas e danos no mobilizario urbano. Os mariñeiros aceptan a resolución, mais consideran que é inxusta.

Seis meses de prisión para cada un dos 16 mariñeiros acusados polos protestos durante unha manifestación en Vigo en 2014, e 7.500 euros de multa. Esta é a sentenza que nesta quinta feira ditou o Xulgado de Vigo. A Fiscalía solicitaba 48 anos de cárcere. Acusaba os mariñeiros de desordes públicas durante a mobilización de marzo de 2014, que comezou no Berbés para ir até a sede da Xunta en Vigo. Alí producíronse diversos enfrontamentos e incidentes, que o ministerio público achaca aos cerqueiros, aos que acusa de guindar todo tipo de obxectos contra axentes e edificio, así de queimar unha bandeira da Unión Europea após baixala do mástil onde penduraba. Tamén os acusaba  de causar diversos danos no mobilizario urbano e en vehículos da policía española durante os enfrontamentos que posteriormente tiveron lugar na zona do Berbés.

Estes seis meses de prisión poderán ser conmutados por unha multa de 1.500 euros. A esta cantidade engádese 7.377 euros de responsabilidade civil que terán que pagar conxuntamente á Xunta de Galiza. Un dos mariñeiros, aliás, terá que pagar 4.500 euros de indemnización a dous policías.

Os acusados aceptaron a sentenza, que non vai ser recorrida, como confirmaron desde Acerga a Sermos Galiza. Os xulgados estiveron apoiados por familiares e centos de mariñeiros procedentes de diferentes portos de Galiza. Os buques do cerco asociados a Acerga non saíron a faenar, permanecendo amarrados a porto, como sinal de solidariedade para cos 16 cerqueiros.

“Isto é inxusto”

“Acatamos a sentenza mais isto é inxusto”, manifestou en conversa con Sermos Galiza Andrés García, de Acerga. “A xente o único que fai é defender os seus dereitos”, apontaba ao tempo que lembraba que os problemas derivados do reparto seguen sen solución definitiva. Un mariñeiro, Manolo Presas, manifestaba en declaracións aos medios que a mobilización fora “para reivindicar os nosos dereitos” e “defender o pan dos nosos fillos”.

A principios de xuño entrevistamos José Blanco, un dos 16 cerqueiros acusados. “O que nos fixeron á xente do cerco é indignante”, denunciaba. “Eu non vin policías feridos nin nada diso. Pero si que vin mariñeiros sangrando e cos ollos inchados. Algúns compañeiros levados por ambulancias. Non somos vándalos, estabamos a defender o noso pan. Si que vin un contedor queimado, está mal, vale. Gostaríame ver que facían todos eses que teñen salarios de 3.000 euros ao mes se llo quitan.