Oito meses de agarda para unha consulta oncolóxica

A deputada do BNG, Montse Prado, fixo pública a cita médica recibida por unha persoa doente de cancro na EOXI de Santiago á que lle foi adiada até xaneiro de 2017 a visita concedida, inicialmente, para maio deste ano.

"O servizo de oncoloxía da EOXI de Compostela leva anos traballando ao límite, mentres as patoloxías oncolóxicas e a súa complexidade non fixo máis que aumentar nos últimos anos", sinala a parlamentar do BNG, Montse Prado, en senllas iniciativas presentadas o 28 abril no Pazo do Hórreo nas que insta o goberno galego a adoptar as medidas necesarias para corrixir as deficiencias que se atopan na área de Oncoloxía da EOXI de Compostela após teren coñecemento desde a organización frontista de que se estaban a adiar as citas das consultas até 8 meses. 

A situación de desbordamento do servizo, que foi denunciada polo Defensor do Paciente na Fiscalía, como avanzou o xornal Praza Pública, foi negado desde o Sergas razón pola que a deputada do Bloque decidiu facer pública o documento remitido por unha das persoas doentes á que lle foi modificada a data para unha revisión en consulta fixada para o 10 de maio de 2016 até o 18 de xaneiro de 2017, oito meses despois. 

"Como o Sergas quere negalo, aì vai unha proba que nos fixo chegar un afectado.De maio de 2015 a xaneiro de 2016, son oito meses de retraso, ou non?", sinalaba na rede social Facebook Montse Prado. 

O número de profesionais de oncoloxía non se incrementou para poder atender o aumento da demanda asistencial", denuncia o Bloque

"Nos últimos anos, o número de profesionais de oncoloxía non se incrementou para poder atender o aumento da demanda asistencial polo que se ven desbordad@s", apuntan na interpelación rexistrada na que preguntan pola opinión gobernamental a respeito da calidade asistencial na área sanitaria de Compostela e sobre a demora das consultas. 

"Se o diagnóstico precoz é importante nas patoloxías en xeral, nas oncolóxicas é fundamental, polo que é de supor a angustia e a preocupación d@s doentes pola demora nas citas de consulta", afirman desde o grupo parlamentar do BNG que tilda de "inadmisíbel" a situación "que obriga @s profesionais a traballar con unha presión asistencial moi por enriba do normal e que incide negativamente na calidade da prestación sanitaria que reciben @s doentes". 

Asemade, a organización frontista levará unha Proposición Non de Lei á Comisión de Sanidade na que instan o executivo a realizar todas as actuacións para que as consultas reprogramadas teñan lugar na data prevista inicialmente mais tamén a "aumentar @s profesionais do servizo de oncoloxía" da área sanitaria e a "retirar o programa SILICOM", unha ferramenta informática coa se está a xerir a farmacia hospitalaria e que depende dunha "empresa privada" denuncian.