A Mesa pola Normalización convoca unha marcha contra a deturpación exercida polo 'Foro La Toja'
O grupo da Mesa pola Normalización Lingüística de Pontevedra - O Salnés mobilizarase na localidade do Grove (O Salnés), un ano máis, contra o 'Foro La Toja', "que fai do seu sinal de identidade a deturpación do topónimo da Illa da Toxa", segundo explicaron desde a organización.
Nesta ocasión, a xa tradicional protesta contra a deturpación do topónimo realizarase "sumando forzas" coa mobilización convocada pola Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina en resposta á presenza no evento do ex primeiro ministro de Israel, Ehud Olmert.
Ademais, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, aproveitou esta confluencia de protestas para facer un paralelismo sobre o que significa a deturpación de topónimos, lembrando que esta "fai parte da eliminación da identidade palestina que o Estado de Israel vén desenvolvendo desde a súa fundación".
Presenza de Ehud Olmert
A Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina anunciou esta terza feira que, ademais da mobilización o 5 de outubro en Compostela, tamén está convocada unha protesta contra a presenza do ex primeiro ministro de Israel Ehud Olmert no 'Foro La Toja' o sábado 4, na Illa da Toxa, no Grove.
"Esta protesta está convocada porque é unha terríbel provocación convidar a unha persoa que foi parte deste proxecto sionista", criticou Ánxela Gippini, que forma parte da organización do movemento a través da entidade Galiza por Palestina.
Segundo detallaron os organizadores en rolda de prensa na capital galega, esta manifestación está prevista para iniciar ás 10.30 horas na rúa Castelao, seguindo até o Gran Hotel A Toxa, que acolle o foro. Cada ano, o encontro reúne líderes políticos, académicos, empresarios e outras personalidades.
"O obxectivo é concentrarse alí e facer visíbel a repulsa [...]. O ánimo que leva a isto é o mesmo que levou á mobilización na Volta ciclista contra aquel equipo que veu facer un lavado de cara do réxime terrorista de Israel", afirmou Óscar Valadares, representante da organización Mar de Lumes.