QUE PASARíA SE HOUBER UN INCENDIO COMO O DE FANDICOSTA?

A Mesa Intersindical dos Bombeiros denuncia a xestión da Deputación de Ourense

Mobilización dos bombeiros en Ourense

A Mesa Intersindical de Bombeiros advirte das consecuencias que tería un incendio das dimensións do que sufriu Fandicosta nos polígonos de San Cibrao das Viñas, de Xinzo de Limia, de Verín e de Carballiño, dada a falta de efectivos.

Que ocorrería se se presentase un incendio de grandes dimensións e con risco químico similar ao de Fandicosta nos polígonos San Cibrao das Viñas, de Xinzo de Limia, de Verín e de Carballiño? A Mesa Intersindical de Bombeiros advirte de que faltaría persoal no caso de que se producise un incendio como o da fábrica situada en Moaña.

“A día de hoxe, tanto en igualdade de condicións, se isto se presentase no polígono de Verín ou Xinzo de Limia só hai garantida a intervención de tres bombeiros. De pouco vale ter catro ou cinco vehículos contra incendios cargados de material se non hai quen os use”, denuncia a Mesa Intersindical nun comunicado de imprensa, “cabe dicir que é tecnicamente imposíbel intervir con seguridade xa non só nun incendio industrial senón en calquera incendio urbano con tres efectivos”.

O caso de Verín e Xinzo, onde só está garantida a intervención de tres bombeiros, é resultado da privatización

Os bombeiros denuncian que o caso de Verín ou de Xinzo é resultado da “xestión privatizada”, que “precariza sobre todo en medios humanos que a Deputación de Ourense usa”. “Esta é a única Deputación galega que prefire continuar renunciando a un 30% do orzamento (21.225.956,48€) por seguir privatizando servizos de bombeiros, penalizando os cidadáns coas capacidades mermadas e interesadas de empresas privadas”, engaden.

No caso do Carballiño, a Mesa Intersindical salienta que “a día de hoxe, despois de máis de 10 anos, segue pendente a apertura do parque de bombeiros, deteriorándose polo paso do tempo”. Advirte das intencións da Deputación para o privatizar, “instaurando así o modelo fracasado  de xestión que se aplica aos parques de Xinzo, Verín e Valdeorras”. “Obviamente cun parque de bombeiros fechado, a resposta ante unha emerxencia sempre será escasa ou nula”, denuncia.

En San Cibrao, só un bombeiro de garda para toda incidencia

En relación ao polígono de San Cibrao, os bombeiros lembran que hai “un servizo de bombeiros moi insuficiente no que se pode atopar a un só bombeiro de garda para toda incidencia, resultando canto menos curioso que este servizo sexa de xestión directa pública da Deputación e que non invista para a súa mellora”. Así, a intervención recaería maiormente sobre os Bombeiros Municipais de Ourense por capacidade. “Actuarían e actúan alí onde son requiridos, atopándose hoxe por baixo da dotación mínima que garante a seguridade de todo o municipio”, sinalan.

Os bombeiros cargan contra a xestión da Xunta no caso do incendio de Fandicosta. “Prefírese mobilizar servizos precarios, insuficientes  e inseguros que os servizos públicos, aínda estando máis próximos e mellor dotados, para potenciar a falsa imaxe de que o sistema privado funciona”. Neste sentido, acusan a Xunta de “seguir omitindo” a Lei de Emerxencias 5/2007, do 7 de maio, que obriga a contar cun modelo homoxéneo en todo o país e a elaborar un regulamento do bombeiro. Critica, ademais, que “fomente o seu incumprimento, sobre todo tendo en conta que participa economicamente coa Deputación de Ourense, que recibe o 62,5% do orzamento por parte da Xunta”.