A Mesa do Parlamento admite o escrito d@s abolicionistas pola emisión de touradas en TVE

A plataforma Galiza, Mellor Sen Touradas (GMST) protestou pola retransmisión dun festexo taurino en horario protexido e apostan por “un debate serio sobre os contidos de maltrato animal en televisión”

A Mesa do Parlamento galego aceptou a petición da plataforma Galiza, Mellor Sen Touradas (GMST) de abrir un debate serio en torno á emisión de festexos taurinos en Televisión Española (TVE), “despois de que nos últimos dous anos a canle pública retransmitira en horario de especial protección dúas touradas, asumindo os custos técnicos e humanos das emisións”.

GMST trasladou a súa protesta por estes feitos diante do Consello Asesor de RTVE en Galiza, pois consideran que foron unha vulneración da Lei Xeral do Audiovisual e o propio código de autorregulamento 

GMST espera agora que na comisión de peticións da Cámara autonómica se produza un debate “e comparecencias determinantes para entender como as touradas non poden ter espazo no horario onde os menores están diante dos televisores, entendendo ademais que corresponde aos poderes públicos a protección da Infancia e a defensa dos dereitos dos menores”.

“Incongruencia”

GMST advirte da “incongruencia que supón que a cámara vetara a entrada de persoas menores de 12 anos en festexos taurinos cunha Proposición Non de Lei aprobada en de decembro de 2011 mentras non actúa fronte as emisións televisivas de idéntico contido”.