As redes locais de abastecemento de auga rexistran, de media, perdas de 44%

O encoro de San Martiño, entre A Rúa e Petín, na comarca de Valdeorras, está a 90% de capacidade. (Foto: Agostime / Europa Press)
Os concellos apuran obras de mantemento para evitar sancións.

Os encoros galegos recollen en total 2.641 hectómetros cúbicos de auga, unha cifra similar pero lixeiramente inferior á da semana anterior, o que implica que están perto do 70% da súa capacidade. Estes datos, publicados onte polo ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), supoñen 28% máis que a auga embalsada hai un ano, aínda que se sitúa lixeiramente por baixo da media dos últimos 10 anos. 

Teresa Gutiérrez, directora de Augas da Galiza, entidade dependente da Xunta da Galiza encargada da xestión dos recursos hídricos do país, chegou a afirmar o pasado 26 de abril en declaracións aos medios de comunicación que este foi "un ano hidrolóxico moi bo". "Choveu moito no inverno e estamos nunha situación moito mellor", engadiu. Así e todo, a directora de Augas de Galiza non descartou que "estes eventos climatolóxicos extremos non se volvan repetir" no futuro. 

Así, as cifras de ocupación dos encoros da Galiza contrastan coa situación que vive o Estado español, que sufriu nos últimos meses episodios de calor extrema que se suman a unha seca prolongada encadeada coa do ano anterior, alcanzando niveis nos seus encoros cunha capacidade que rolda 46%. E é que a seca acontecida en 2022 chegou a preocupar especialmente á Galiza, un país acostumado á abundancia de auga

44% de perdas de auga

Precisamente, a escaseza de precipitacións vivida en 2022 trouxo á actualidade a Lei 9/2019, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca. En vigor desde o 10 xaneiro de 2020, esta normativa obrigou os Concellos a realizar auditorías dos sistemas de abastecemento municipais, buscando encamiñar a elaboración de plans de actuación para minimizar as perdas de auga. 

Os traballos de revisión das redes de traída apuráronse a finais de 2022 coa publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG) da Lei 1/2022, de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que anunciaba sancións para aquelas entidades locais que tivesen perdas superiores ao 20%

Así e todo, os datos aportados por estas auditorías revelaron que, de media, 44% do volume de auga que circula pola rede de tubaxes municipais pérdese debido ao mal mantemento do sistema. Un informe elaborado polo persoal técnico de Augas da Galiza conclúe que o país non é eficiente no uso da auga, afirmando que "máis de 85% dos concellos que certificaron perdas de auga teñen valores superiores a 20%". Noutros casos, como na cidade de Vigo, o problema non se atopa só nas perdas ocasionadas polo estado defectuoso da rede, se non tamén polo uso de auga potábel para baldear as rúas

A escaseza do recurso e a posibilidade de sancións urxiron os concellos galegos a realizar actuacións nas traídas municipais que levaban anos sendo aprazadas. Renovacións das tubaxes da traída municipal e a instalación de novos depósitos están entre as actuacións máis comúns, mais algúns Gobernos locais pensan xa en proxectos de maior calado, como novas captacións nos cursos fluviais e incluso obras de transvasamento de caudais. 


A Galiza, en "alerta" no informe da Axencia Espacial Europea

O programa Copérnico, un proxecto creado conxuntamente pola Axencia Espacial Europea (ESA) e a Unión Europea (UE), publicou o pasado mes de marzo o seu informe máis recente no que analiza os efectos da seca na UE. O documento destaca que a maior parte do sur e o oeste da UE está afectado por anomalías substanciais da humidade do solo e dos caudais dos ríos debido a un inverno excepcionalmente seco e cálido. Aínda que o inverno na Galiza trouxo precipitacións abundantes, atendendo a unha combinación de indicadores como os niveis de precipitación, a humidade edáfica e o estado da vexetación, Copérnico sitúa boa parte do país en condicións de "alerta". O documento afirma que "a situación pode volverse crítica nos próximos meses".