Saúde

As augas residuais evidencian un "consumo globalizado" de cocaína e cánnabis

Material xenérico para a toma de mostras nas depuradoras de aguas residuais. (Foto: Goberno do Estado)
A USC reúne esta cuarta feira en Santiago de Compostela persoal experto en epidemioloxía das augas residuais, unha disciplina que aplica as ciencias analíticas ao estudo das augas residuais para coñecer a exposición da poboación a determinados compostos e substancias, como drogas ilícitas ou psicofármacos.

A aula Antonio Casares da facultade de Química da USC acolle esta cuarta feira, 4 de outubro, a VII Xornada ESAR-Net, un evento que busca ofrecer unha visión tripla da análise de augas residuais con fins epidemiolóxicas, unha disciplina que ademais de convocar os responsábeis dos principais equipos de investigación do Estado tamén implica a representantes das Administracións públicas relacionados coa prevención de drogas e a promoción de hábitos de vida saudábeis, así como a profesionais e especialistas sanitarias expertas en toxicoloxía, psicoloxía e adiccións cuxo labor completa a iniciativa da ESAR-Net.

Un equipo da USC liderado por José Benito Quintana, profesor nesta universidade, coordina esta rede estatal dedicada á análise de augas residuais con fins epidemiolóxicas desde o ano 2017. Na actualidade está integrada por 14 centros de investigación que usan as augas residuais como fonte de información. "A principal aplicación que facemos do estudo de augas residuais é sobre o consumo de substancias de abuso, aínda que a medio prazo estamos a traballar xa noutras medicións como pode ser de contaminantes químicos ou de resistencia a antibióticos", explica Quintana a Nós Diario.

A USC estreouse na análise de augas residuais en 2008, un traballo que se comezou a coordinar a nivel europeo dous anos despois. Así, desde 2011 hai datos publicados no Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías que se actualizan cada ano cos resultados dunha campaña que se desenvolve cada primavera en varias cidades do continente, entre elas, Compostela. Neste contexto, a ESAR-Net impulsou en 2018 unha campaña piloto para reforzar o impacto desta iniciativa europea no Estado.

"Queriamos facer algo máis potente, e conseguímolo naquela primeira edición ao reunir 17 depuradoras e 14 cidades. Hoxe temos en marcha un proxecto da Delegación para o Plan Nacional sobre Drogas que comezou en 2021 e remata este ano, e que implica case unha trintena de depuradoras nunha vintena de localidades", dúas galegas, detalla o profesor de Química, sen revelar o nome da segunda que acompaña a Compostela nesa relación. Este ano, ademais de completar unha semana de mostraxe en primavera, desenvolverán unha segunda campaña en outono e unha terceira, adicional, dedicada a eventos "como festivais de música que poden alterar o consumo".

Consumo e abuso

O equipo da USC que coordina José Benito Quintana é o encargado de tomar as mostras, analizalas e "facer uns cálculos de consumo normalizado por día e poboación de distintas substancias", que teñen en conta tanto o caudal da depuradora como os habitantes estimados de cada localidade.

O seu estudo inclúe substancias ilegais como cocaína, cánnabis, éxtase, anfetamina e metaanfetamina, ademais de alcol e tabaco. "Facemos a nosa análise e trasladámoslles os resultados ás autoridades, locais, autonómicas e estatais para que asuman estes e outros indicadores e adopten as actuacións que consideren. Iso xa non é cousa nosa", aclara Quintana.

Para o coordinador da ESAR-Net, os datos que ofrece esta rede "son bastantes fiábeis malia a ter as súas limitacións. O que obtemos é un consumo global promedio dunha localidade, non podemos precisar quen consume; pero é un método que ofrece uns resultados rápidos e que permite capturar mellor determinadas substancias que escapan a outros indicadores".

As últimas conclusións apunta un "consumo globalizado de cocaína e cánnabis en todas as localidades, tamén en Santiago, onde o máis rechamante foi un aumento nos residuos de cocaína nos últimos sete anos. Mais non foi un fenómeno exclusivo, de feito afectou a toda Europa e mereceu unha alerta xeral". Para Galiza a análise non deixa outros resultados excepcionais, asegura Quintana, pero evidencia "un consumo diferencial de speed en Euskadi, por exemplo, ou de metaanfetaminas en grandes cidades".

Fármacos e contaminantes

As drogas ocupan a maior parte das horas de estudo do equipo investigador da USC na EDAR-Net. O consumo de hipnosedantes, grupo de fármacos no que entran determinados opiáceos con prescricións médica, como a morfina, pero tamén os antidepresivos, as benzodiacepinas "é un tema que tradicionalmente non facemos pero que a curto ou medio prazo contamos poder abordar. Dependerá de como nos vaia coas solicitudes de financiamento".

Como calquera outro proxecto de investigación, de ciencia básica ou aplicada, as achegas económicas son fundamentais para que a EDAR-Net poida continuar co seu labor e ampliar a outras áreas a aplicación da analítica de augas residuais. É o caso dos contaminantes químicos, un ámbito no que axiña comezarán a traballar, confirma Quintana. "Será algo menos ambicioso e centrarase na análise de metabolitos de compostos relacionados co plásticos para facer unha estimación de cal é a exposición da poboación a determinados contaminantes".

Outros indicadores

A diferenza das primeiras xornadas que organizaron, o sétimo encontro da EDAR-Net en Compostela servirá para reafirmar o "éxito e a aceptación" que a análise de augas residuais alcanzou nos últimos anos, grazas tamén á Covid e ás medicións do virus en augas residuais, que axudou "a que fose máis atendido".

"E servirá para integrar outros indicadores de consumo de drogas, como a análise de residuos en xeringas, en tests de saliva en condutores ou nas urxencias sanitarias, para coñecer a preocupación das autoridades e mesmo a percepción de quen supervisa o mercado e tráfico de drogas".