Social

Os mercados de gando da Galiza volven á actividade

Mercado Nacional de Gando de Compostela
Os mercados de poden reabrir as portas a partir deste sábado, seguindo as medidas sanitarias oportunas

Os mercados de gando poden reabrir na Galiza a partir deste sábado. O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicaba onte, sexta feira 22 de maio, os protocolos e normas que deben seguir.

Algunhas das indicacións recollidas apuntan que só as persoas que vaian efectuar operacións de compravenda ou transporte poderán participar neles. Con tal fin, a entidade organizadora terá que realizar un control na entrada principal para permitir o acceso ás instalacións.

Doutra banda, a carga e descarga do gando realizarase de maneira gradual para evitar a confluencia masiva de persoas e a entrada nas dependencias veterinarias producirase de maneira individual. 

A maiores, as usuarias do recinto deberán portar máscaras, respectar a distancia física interpersoal de dous metros e nas zonas de acceso colocaranse dispensadores de xel hidroalcólico, así como haberá outros elementos de protección para asegurar o distanciamento coas persoas operadoras.

De existir a posibilidade, nas dependencias destes mercados de gando habilitaranse distintos puntos de entrada e saída para que non exista cruzamento de persoas e limitarase o aforo máximo.