Mercadona, unha marca branca que escurece

A empresa de Juan Roig, de actualidade pola denuncia aos sindicalistas do SAT, en evidencia pola súa política de retirada de alimentos caducados e de non respecto dos dereitos laborais.

A empresa Mercadona está de actualidade estes días despois de que vari@s sindicalistas do Sindicato Andaluz de Traballadores (SAT) entraran en varios supermercados para recolleren alimentos e distribuílos entre as persoas necesitadas. Só Mercadona decidiu presentar denuncia “polo roubo de nove carros e agresións leves”. Un portavoz da empresa aseguraba que “a única maneira de rematar coa crise é crear emprego, xusto o que facemos nós”. Non é a primeira vez que Mercadona presenta unha denuncia por roubo de alimentos. Noutra ocasión levou a xuízo a unha parella de 92 e 76 anos polo roubo dunha lata de anchoas valorada nun euro nun Mercadona de Madrid. 

Mercadona naceu como empresa familiar en 1977 mais medrou a partir de 1981 cando se fixo cargo dela Juan Roig. Conta na actualidade con 1.383 supermercados localizados en 46 provincias. O seu éxito empresarial, este ano pasado tivo beneficios por valor de 922 millóns de euros, baséase no control de provedores e na implantación de marcas brancas até o punto de eliminaren dos seus estabelecementos unha boa parte das marcas máis consagradas. O propio Roig ten un soldo de 3,8 millóns de euros en 2011, algo do que non se esconde.

 Noutra ocasión levou a xuízo a unha parella de 92 e 76 anos polo roubo dunha lata de anchoas valorada nun euro nun Mercadona de Madrid. 

Alimentos e necesidade
Non todas as empresas que traballan no sector da alimentación entregan os produtos retirados por caducidade ou a piques de caducar a algunha ONG ou banco de alimentos. Segundo un estudo realizado polo Ministerio Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente só un 20,5 por cento acostuma a realizar grandes doazóns que beneficien ás persoas necesitadas. Algunhas destas grandes cadeas rexeitan boa parte do que non venden en contedores no exterior das súas instalacións, con liberdade para que calquera acceda a eles. Mercadona ten outra política. Segundo confirmou un ex-traballador da empresa “os contedores están no interior e ninguén pode acceder a eles excepto @s propi@s traballador@s”. O aproveitamento dos miles de quilos que se eliminan a diario é nulo. “Logo chega un camión de URBASER, a empresa do lixo do concello, e leva todo”, asegura. En máis dunha ocasión tentaron falar cos responsábeis da empresa e a resposta foi que “xa daban cartos a algunhas entidades”. Esta última afirmación nunca foi probada nin confirmada, segundo afirma o ex-traballador, por ningunha das entidades de axuda da provincia de Lugo.

Problemas laborais
A actitude de Mercadona cos traballadores e traballadoras ten as súas luces e sombras. Por un lado, esta a súa política de incentivaren as vendas con pagas de produtividade e facilitaren os horarios e, por outro, unha adversión contra as persoas que collen a baixa laboral. Segundo explica un ex-traballador que estivo en varios dos seus hipermercados en Lugo as presións por enfermidade eran habituais “por parte das súas mutuas e equipos médicos”.

Tampouco era moi positiva a súa actitude para cos dereitos sindicais. Cando a folga xeral do 29-X foi unha das empresas que máis denuncias, algunhas publicadas aquí. Tamén os sindicatos teñen problemas para estaren presentes nos Comités de Empresa. En Lugo, como asegura este ex-traballador, a CIG tivo verdadeiros problemas. “Cando sabían que alguén presentaba candidatura falaban con esa persoa e facían que desistira”. En Vilalba o fiscal tivo que actuar de oficio despois de que unha traballadora estivera retida nas propias instalacións da empresa. A denuncia prosperou mais rematou arquivada despois de que as propias traballadoras non quixeron seguir adiante.

Marca branca e cosméticos
Mercadona decidiu retirar once produtos de cosmética despois de que a Agencia Española del Medicamento advertira que a súa fórmula tiña dous elementos prohibidos nun único producto. A empresa asegurou que a decisión foi “voluntaria” e os cosméticos, da marca Deliplus, xa non están á venda nos seus centros. A empresa fabricante, RNB, é o que Mercadona chama un “interproveedor” posto que traballa en exclusiva e previo acordo coa propia empresa de alimentación.