O mercado de artesanía de Lugo ofrece os mellores regalos de Nadal feitos a man
Un paseo polo Mercado de Nadal da praza de San Marcos de Lugo fai a calquera somerxerse no mellor destas festas. Lonxe do consumismo e dos agasallos en serie, hai un Nadal máis aló no que coñecer e desfrutar da artesanía propia do país representa ademais a oportunidade de coñecer, valorar e desfrutar da artesanía propia e agasallar a quen queremos con esa mesma experiencia única. Desde o 19 de decembro e até o 5 de xaneiro catorce obradoiros artesáns venden os seus produtos no Mercado de Nadal organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que ofrece tamén demostracións participativas, a experiencia 4.0 dun novo modo de facer agasallos nestas datas.
Catorce obradoiros artesáns lucenses participan este ano no Mercado de Nadal, catorce formas distintas de desfrutar da artesanía feita en Lugo, de agasallar de xeito orixinal e de vivir a experiencia de coñecer e partillar co artesán ou a artesá que fixo coas súas mans posíbel ese agasallo. Amigurumis Jano, Bolboretas de Coiro, Ceniza de Papel, Dalenda, Enxógate, Fonte Meimil, La Bellota Mágica, LeCoop, Portomeñekos, Meteora Handmade, Senda Coiro e Metal, Taller Patapúm, Tres Caracoles e Mel Toxalriba fan posíbel estes días no Mercado de Nadal esa experiencia que está a ser un “éxito”, segundo artesáns e visitantes.
Pezas de cerámica, xoguetes feitos a man, complementos e outros moitos obxectos elaborados con coiro ou mel forman a oferta do Mercado de Nadal, que ofrece a firmas de artesanía lucense a posibilidade de amosar e vender a pé de rúa os seus produtos durante estas datas. Todos eles foron seleccionados nunha convocatoria aberta á participación de obradoiros artesáns e artesás inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía.
O Centro de Artesanía e Deseño abre cada ano unha convocatoria para que as firmas interesadas presenten a súa candidatura. A selección das participantes faise atendendo aos criterios fixados nas bases da convocatoria, vinculados á calidade dos produtos e á traxectoria da firma, explican desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Moitos dos participantes estréanse este ano no Mercado de Nadal, como é o caso de Carmen Pardo, da xoiería artesá Dalenda. “Para min é un orgullo participar nunha feira así, é un recoñecemento que acredita o meu oficio e o dos artesáns”, explica.
"A artesanía é hoxe un valor, a xente valora as experiencias e coñecer a quen fixo as pezas que lle gustan e merca"
É o primeiro ano en que Carmen Pardo participa no Mercado de Nadal, asegura que a experiencia está a ser “moi positiva” por comprobar que “a xente valora máis ás experiencias, gústalles saber e coñecer a quen fixo a peza que están mercando”. Carmen estudou Deseño Gráfico, traballou en comercios e tendas pero desde hai un ano ten a carta de artesá, "o título que acredita o meu oficio”, salienta.
Colares, pendentes ou pulseiras traballados con resina pigmentada e aceiro cirúrxico son o súa sinal de identidade, e as formas da natureza e a xeometría asimétrica son o selo das súas pezas únicas de xoiería.
As “maruxas” de Marga Portomeñe
Marga Portomeñe ten un taller de artesanía no que traballa as figuras de cartón pedra. Comezou de casualidade pola súa afección ao teatro e a ansia por aprender a facer marionetas da man de Marcelino de Santiago 'Kukas'. “É un bo mestre, aprendín moito e acabei facendo xigantes e cabezudos”, explica. Marga é de Lugo e ten unha tenda obradoiro no barrio da Tinería grazas á iniciativa do Concello por poñer en valor a zona. Tamén é a súa primeira vez no Mercado de Nadal .
Inspirada na fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson, Marga Portomeñe creou as “maruxas”, bonecas “que só fago eu, artesanía para agasallar cousas distintas” e apegadas ao territorio, porque as “maruxas” de Portomeñe son queixeiras, leiteiras, redeiras ou lavandeiras. A familia foi medrando tamén os músicos “de todos os instrumentos galegos” e mesmo unha nova colección de “personaxes do circo antigo”, relata. “Hai que promover o noso”, sentencia desde o seu posto no Mercado de Nadal.
"As miñas pezas só as fago eu, hai que promover o noso, o público valora as cousas distintas e orixinais"
A tradición galega de “feirear”
Mercedes Buján é a artesá lucense de Bolboretas de Coiro. Define o seu traballo como a “transformación de curtido vexetal ecolóxico en complementos e pezas de artesanía”.
“A artesanía valórase moito, non se perde a clientela, nas feiras veñen os compradores fixos e xente nova"
Lembra que comezou a traballar o coiro como afección “con compañeiras” en 2017, desde 2018 ten o carné de artesá e a súa propia marca. “Era deseñadora gráfica e acabouse, agora son artesá e o que me gusta é feirear”, explica. Asegura que o Nadal é unha das épocas de máis vendas do ano e afirma que no Mercado de Nadal de Lugo “valórase moito a artesanía, veñen os clientes fixos pero tamén moita xente nova”, sinala.
As bolboretas son o sinal de identidade da artesanía de Buján, pero a oferta de artesanía en coiro vai máis aló. Desde 1 euro até 200, dun anel de coiro até un bolso, a artesanía en coiro é tamén un agasallo exclusivo neste Nadal, destaca.
Xoguetes, téxtil, bonecas e complementos artesanais
Alén dos xoguetes comerciais hai alternativa na artesanía. Crebacabezas, pequenos autómatas, móbeis e voadores, xogos de habilidade e de arrastre son algúns dos produtos á venda no posto de Antonio Fernández Vicente, autodidacta afeccionado aos xogos tradicionais e de enxeño que montou o seu taller en Quiroga no ano 2013, presente no Mercado de Nadal da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Tamén no téxtil hai artesanía, e Meteora Handmade da lucense Miriam Nanín é a artífice nun obradoiro de costura creativa feito a man, con tecidos orgánicos. A súa especialidade son os complementos para crianzas. Neceseres, babeiros, peúgos, chaveiros e fundas para chupetes ou cambiadores de cueiros son algúns dos seus produtos no Mercado
de Nadal.
Patapúm, do artesán Ramiro Rodríguez, crea roupa de algodón e liño. Prendas deseñadas e feitas con material orgánico e tinturas sen reactivos químicos. Roupa pintada con pincel, organizada en pequenas coleccións de pezas únicas.
Para ter bonecos artesáns Amigurumis Jano, o posto de Alejandro García, está cheo de bonecos de personaxes coñecidos como Pokemons, Son Gokus, Super Mario Bros e de figuras relacionadas coa tradición cultural e musical galega feitas a gancho.