Mercaches recentemente nécoras da marca Pescanova? Isto vai ser do teu interese

Consumo alerta da posíbel presenza de 'Salmonella' en nécoras da marca Pescanova. (Foto: Europa Press)

Pescanova retira un lote de nécoras con posíbel Salmonella

O Grupo Nova Pescanova retirou o lote 40224 de nécoras cocidas conxeladas con posíbel presenza de Salmonella "de forma preventiva" tras a alerta emitida pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan) e concluíu que, nas súas análises de diferentes mostras, deron negativo "todas elas".

Nun comunicado, o grupo explicou que a retirada do lote débese a unha "medida cautelar previa á análise oficial que levará a cabo a vindeira segunda feira, 27 de novembro, por parte da autoridade competente".

A compañía sinalou que, neste caso, trátase dun produto cocido e que, por tanto, "está sometido a un tratamento térmico que elimina a presenza de Salmonella".

"Estamos a colaborar coas autoridades sanitarias, ás que compartimos os resultados dos nosos controis de calidade sobre este produto. Estamos á súa enteira disposición para facilitar toda a información necesaria que contribúa a aclarar esta situación canto antes", defendeu o grupo.

Así mesmo, Nova Pescanova solicitou que quen adquirira este produto con número de lote 40224 proceda á súa devolución ao lugar de venda, onde lle será reembolsado o seu importe.

"Lamentamos calquera molestia ou prexuízo para os nosos consumidores e pomos á súa disposición o teléfono 900 812 345 para calquera consulta", sinalou, á vez que reiterou o seu "compromiso de garantía coa rastrexabilidade e seguridade alimentaria dos nosos produtos aplicando os máis estritos controis de calidade ao longo de toda a nosa cadea de valor".