BEATRIZ FIGUEROA, XORNALISTA, AVOGADA E DOENTE DE CANCRO

"Cómpre que os doentes acudan á vía xudicial mentres non poidamos cambiar a lei"

Beatriz Figueroa

A xustiza recoñeceulle á viguesa a súa condición de enferma e a incapacidade permanente para traballar que o INSS lle denegou até en 3 ocasións. 

 

Após o fallo do Xulgado do Social nº3 de Vigo a Beatriz Figueroa a xustiza recoñeceulle a incapacidade permanente para traballar por mor da súa doenza. A sentenza prodúciuse 14 meses despois de presentar a demanda e logo de que o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) lle denegase até en 3 ocasións a súa solicitude. 

A decisión xudicial que recoñece a súa incapacidade como doente de cancro é para Beatriz Figueroa unha vitoria que, no entanto, "chega tarde" e após un duro e pedregoso camiño que reverteu tamén no seu estado de saúde.

"Os tempos de recuperación son máis longos", recoñece, "polo desgaste" que supón unha batalla legal contra a admnistración. Porén, durante os 3 anos que leva loitando contra o cancro, Figueroa desenvolveu unha campaña a prol dunha modificación lexislativa que garanta a incapacidade @s doentes de cancro.

Embora contar con 500 mil sinaturas que apoiaban a súa iniciativa, o Partido Popular rexeitouna no Congreso d@s deputad@s. "Quen pode estar en contra de que se outorgue unha prestación digna a unha persoa enferma?", se pregunta. 

"Cando os nosos médicos din que precisamos tempo para curarnos debera recoñecerse a incapacidade de oficio"

-Como valora a sentenza?

Fai xustiza e dá un pouco de esperanza despois de 3 anos e medio e catro operacións cirúrxicas. Un tempo no que ademais tiven que estar facendo cola no paro ao non ter recoñecida a miña condición de enferma. Esa é unha crueldade enorme que, ademais, mina psicoloxica e economicamente. Isto tiña que ter sido asumido desde o comezo e non 3 anos despois. Cando os nosos médicos din que precisamos tempo para curarnos debera recoñecerse a incapacidade de oficio. Mais mentres isto non acontece, co fallo do tribunal ábrese un raio de esperanza. Por iso animo a todos os doentes a acudir á xustiza. Mentres haxa vida, que haxa loita. 

-Cales son os aspectos máis importantes do fallo?

Dunha banda, que se recoñeza a incompatibilidade para exercer un traballo tendo en conta, non só a enfermidade, senón tamén os efectos dos tratamentos. Téñoo dito moitas veces, como unha persoa doente vai poder traballar se eu moitas veces non podo nen facer fronte ás tarefas da miña casa? Como vou cumprir cun horario de 8 horas? O INSS semella que isto non o entendía. Doutra banda, ser recoñecida como enferma permite que a partir de agora só teña que pagar o 10% dos medicamentos, cando antes tiña que pagar --como se for unha persoa sá-- o 40%. 

Figueroa advirte que "desde hai 3 anos" o INSS segue os "ditados" do goberno nas solicitudes de incapacidade: "recortar e endurecer as condicións", denuncia

-A sentenza dálle a razón após o PP rexeitar en diversas ocasións a proposición lexislativa presentada no Congreso para recoñecer a incapacidade d@s doentes de cancro...

O PP non o quixo recoñecer, aínda que sabe o que estamos vivindo e sufrindo. Os argumentos que empregou na comisión de sanidade para rexeitar a iniciativa lexislativa era que se precisaba dun diálogo sosegado mais ese diálogo ofrecíallo o conxunto da oposición, que apoiou a proposta. Que maior cambio normativo se pode facer que aquel que conta con diálogo e consenso? Chegaron a dicir que o meu era un caso excepcional, mais non é certo. Desde hai 3 anos o número de casos que coma o meu son desestimados é cada vez maior. E non todos os doentes acuden á vía xudicial para demandar a incapacidade. O PP dixo que o INSS era xusto e solidario, que só daba a incapacidade a quen tiña que darlla. Após a sentenza a respeito do meu caso hai quen se pregunta que ditados segue a administración [o INSS]? E segue os que lle dá o goberno: recortar e endurecer as condicións para obter a incapacidade. Mais iso non se pode facer cunha enfermidade. Quen pode estar en desacordo con que unha persoa enferma teña unha prestación digna? 

"Cómpre que os doentes acudan á vía xudicial mentres non poidamos cambiar a lei"

-Continuará loitando para que se mude a lei?

Si, mais teremos que agardar, para que iso aconteza, a que o PP perda a maioría absoluta. Entrementres, seguiremos concienciando e presentando propostas nos concellos e nas administracións autonómicas. Mais cómpre que os doentes acudan á vía xudicial. Porque iso non está a acontecer. A maioría quedan coa desestimación do INSS. Mentres non poidamos cambiar a lei hai que mudar esa tendencia. 

-É un proceso lento...

É moi lento. Eu demandei en setembro-outubro de 2013 e a sentenza non chegou até 14 meses despois. Asemade, non demandei até a terceira vez que me denegaron a incapacidade. É un proceso longo e hai quen falece no camiño. Mais, insisto, mentres hai vida, hai esperanza e hai que empregar todos os mecanismos que temos ao noso alcance. Sabemos que, no noso caso, a batalla só debería librarse nunha fronte [di en relación ao cancro] pois os tempos de recuperación son máis longos polo desgaste destes procesos, mais ten que ser así, non hai que se render.