FERNANDO LACACI, CONFEDERACIóN ANPAS GALEGAS

“A mentalidade da Xunta é limitar a educación á simple docencia”

anpa-cropII

Unha delegación da CAG reuniuse con responsábeis da Consellaría de Educación para tratar diversas cuestións, desde os libros de textos a comedores escolares. “Da xuntanza non saimos con idea de que queiran dialogar”, afirma Lacaci.

- Unha xuntanza coa Consellaría 3 meses despois de solicitala, que valoración fan?

- Cando nos anunciaron que nos ían recibir xa dixemos que esta xuntanza chegaba tarde, porque cuestións como a ‘reválida’ ou o debate sobre os libros de texto, que queriamos tratar, xa pasaran. Na reunión os representantes da Consellaría recoñeceron que estaban alí porque nós o pediramos, o que indica que non teñen intención algunha de manter vías de diálogo estábel. Se nós non pedimos a reunión, esta nunca se produciría. Eles tamén sinalaban que como nós estabamos contra a Lomce, iso facía imposíbel todo diálogo. Foi un diálogo de xordos pola súa parte. Nós queriamos iniciar unha etapa de diálogo cos novos responsábeis de Educación, após a etapa de Jesús Vázquez, na que foi imposíbel.

- Na reunión trataron diferentes cuestións de importancia, como transporte escolar...

- Nós partimos de que o transporte escolar non pode ser unha cuestión que modifique tanto a vida das familias, que tanto inflúe nos horarios escolares. Nós partimos de que o transporte escolar debe axustarse aos horarios, que deben ser os mesmos en toda Galiza. O transporte é un servizo máis, non un negocio. Recoñecemos que isto non se vai lograr dun día para outro, mais ten que haber unha axenda, unha planificación para acadalo. O que non pode ser o ensarillado que hai actualmente en sitios como en Dices (Rois), que provocou que os alumnos que usaban transporte tivesen menos horas lectivas.

- Os comedores foron outro dos temas que puxestes sobre a mesa perante a Consellaría de Educación

- Na actualidade temos comedores xestionados directamente pola Xunta, comededores xestionados pola Xunta mediante concesións e comedores xestionados pola Anpa. Para nós o ideal sería que todos estivesen xestionados pola administración pública e con idéntico modelo. Entendemos que isto non se pode facer de golpe, mais si que pode facerse un calendario para ir aos poucos camiñando cara a ese obxectivo. O que non pode ser é que a administración pública se limite a dicir que irá asumindo aqueles comedores que as anpas queiran deixar, a administración pública non pode caer nese voluntarismo.

- O do empréstito de libros de texto é unha das grandes batallas do momento..

Non entendemos en absoluto a postura da Xunta. Todo o mundo está en contra, é algo inasumíbel pois crea un sistema que depende de que as familias decidan ou non doar libros. E iso non pode ser, a administración pública ten que garantir ese dereito. Neste caso a Xunta actúa igual que en outras cuestións, como os comedores ou o transporte escolar, non os considera servizos educativos, públicos, senón que considera que é algo complementario, secundario. Limitan a educación ao que é a docencia, cando a educación e o servizo público é moito máis.