A menstruación, ese tabú

Imaxe da artista Rupi Kaur que foi censurada por Instagram

Unha iniciativa impulsada pola CUP de Manresa visa introducir obradoiros nos centros de ensino para abordar o ciclo menstrual e as alternativas aos produtos industriais de consumo xeralizado. O conflito está servido.

Que a menstruación continúa a ser un tabú é un feito. Sirva de exemplo a censura por parte da rede social Instagram á artista paquistaní mais residente en Toronto (Canadá), Rupi Kaur, á que lle foron eliminadas unha serie de imaxes intituladas Period (periodo/regra) coas que pretendía visibilizar a menstruación. 

Nas fotografías a artista recolle escenas cotiás na vida de calquera muller con restos de sangue na roupa, nas sabas ou na ducha. Porén, segundo Instagram, vulneraban a política da empresa polo que decidiu suprimilas, en dúas ocasións. 

O problema é que a menstruación é un tema tabú na nosa sociedade

Na altura e nunha publicación desta volta en Facebook, Rupi Kaur, aseguraba que "o problema é que a menstruación é un tema tabú na nosa sociedade". "A ninguén semella importarlle que aparezan por todas partes mulleres espidas ou con pouca roupa, como meros obxectos sexualizados. Iso pasa nas redes sociais, especialmente en Instagram". En troca, subliñaba a artista na altura, algo "tan natural como é o período feminino, causa incomodidade e convértese nun tema prohibido". 

Esta sexta feira, o pleno do Concello de Manresa debateu unha moción presentada polo grupo municipal da CUP intitulada 'pola mellora da vida no ámbito da saúde sexual das mulleres mozas'. Unha iniciativa coa que instaban a fornecer información através do Servizo de Información e Atención ás Mulleres (SIAD, nas siglas en catalán) a respeito do ciclo menstrual. A idea xurdiu após os obradoiros que algunhas empresas de compresas e tampóns impartiron en centros de ensino promovendo o uso destes produtos --no concreto os das súas marcas, sen achegar información sobre outras alternativas para alén dunha perspectiva que non partillaban arredor do ciclo menstrual. 

Así pois, propuñan ao pleno que estes obradoiros fosen impartidos polo SIAD en todos os institutos da cidade ao alumnado de 2º e 4º da ESO, separando en sexos o estudantado á fin de que ambos os dous reciban formación mais de xeito diferente. 

'Intervencionismo' na intimidade das mulleres

A iniciativa axiña pasou da imprensa local ás cabeceiras do Estado español e tamén da Galiza que a tildaron de "intervencionista", "sorprendente" e mesmo unha agresión á "intimidade das mulleres" por incorporar tamén a promoción de outros produtos como a copa menstrual, a esponxa mariña ou a compresa de roupa. Isto é, alternativas ecolóxicas e máis económicas fronte a materiais dun único uso que, aliás, poden carrexar doenzas como o Síndrome do Shock Tóxico ou infeccións vaxinais como a candidiase provocadas, entre outras cousas, polo mantemento durante períodos demasiado prolongados de tempo os tampóns no interior da vaxina. 

A imprensa presentou a medida como unha intromisión na "intimidade das mulleres"

O conflito estaba servido e a polémica tamén. Xornais como Economía Digital partillaban a nova en Twitter asegurando que "o intervencionismo desbocado da CUP xa ameaza mesmo a intimidade das mulleres" ao coidar que se "quere mudar o támpax por esponxas mariñas ou copas menstruais" facendo referencia a unha das marcas que comercializan tampóns, no concreto a primeira empresa en os patentar en 1931 da man do doutor Earle C. Haas

No nº185 do semanario en papel publicabamos unha reportaxe intitulada 'A copa menstrual, unha alternativa sostíbel' na que falabamos deste produto patentado en 1937 por Leona W. Chalmers e que tiña por obxecto mellorar a calidade de vida das mulleres nos días de regra. Para alén de ser unha ferramenta de desenvolvemento nos países do Sur perante a falta de recursos. 

A moción da CUP non saíu adiante "tal e como agardabamos" porén desde a conta oficial da organización en Twitter aseguraban que "estamos contentas porque puxemos o debate sobre a mesa".

De facto, moitas persoas coñeceron a existencia de alternativas ecolóxicas e mesmo naturais ás tradicionais compresas e tampóns após a polémica suscitada pola moción. Outras mesmo sinalaron nas redes sociais que se animarían a probalas. 

As mulleres menstrúan 41 anos ao longo da vida o que supón consumir anualmente en todo o mundo aproximadamente 45 mil millóns de tampóns

Un conflito tamén económico?
No descoñecemento que paira sobre produtos de uso menstrual alternativos sitúase, tamén, a grande industria. E é que as mulleres mentruamos arredor de 41 anos durante a nosa vida. Nese senso, consúmense anualmente en todo o planeta arredor de 45 mil millóns de tampóns o que supón un importante nicho de negocio para as empresas transnacionais que como o grupo Procter & Gamble, actual propietaria de Támpax, Ausonia e Evax, copan en réxime de oligopolio as marcas coas que se comercializan estes produtos.