Felipe VI chama á unidade fronte á COVID-19 e non fai alusións ao escándalo do rei emérito

O rei Felipe VI nun intre do discurso (Casa Real).
Felipe VI limitouse a gabar que "todas as institucións públicas" do Estado "están volcadas en vencer esta crise".

Felipe VI dirixiuse na noite desta cuarta feira á cidadanía do Estado cunha mensaxe de "ánimo" e de "forza" ante a crise sanitaria provocada pola expansión da COVID-19, pola que se decretou o estado de alarma. O rei participou nunha reunión co presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, e co Comité técnico de xestión do coronavirus.

"Grazas a todos, ánimo e adiante". Así rematou un breve discurso no que só fixo referencias á crise sanitaria pola expansión do coronavirus sen entrar en ningún tipo de consecuencias socioeconómicas, máis alá de citar que se "recuperará" a "normalidade" na "economía" e nos "postos de traballo" das empresas, comercios e talleres do Estado. 

O rei español tampouco tivo verbas para a súa renuncia á herdanza do seu pai, o rei emérito Juan Carlos I, ao que deixou sen asignación da Casa Real. Da mesma maneira que Felipe VI non se referiu ás irregularidades financeiras do seu predecesor na coroa española, e aos máis de 200 millóns de euros que presuntamente recibiu de Arabia Saudí. 

Así, Felipe VI limitouse a gabar que "todas as institucións públicas" do Estado "están volcadas en vencer esta crise". "Todos os españois poden sentirse protexidos", asegurou, para despois poñer el valor o labor das profesionais da sanidade: "Sodes a vangarda de España na loita conta esta enfermidade, sodes a nosa primeira liña de defensa". 

"Debemos deixar de lado as nosas diferencias, unirnos entorno a un mismo obxectivo e superar esta grave situación", afirmou. "Temos que resistir", agregou. 

"Todos debemos contribuír a ese esforzo colectivo, sei que é doado dicilo e tamén sei que non é nada sinxelo facelo, pero é o que debemos facer polo ben de todos. Todos e cada un somos parte da solución", incidiu, "esta crise é un paréntese e volveremos á normalidade".