Menos de 3.000 casos activos e unha falecida máis por Covid-19

Imaxe da vacinación en Ourense nos últimos días. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Os casos activos de Covid-19 na Galiza descenden dos tres milleiros, segundo os datos comunicados pola Consellaría de Sanidade da Xunta.

O pasado 22 de abril a cifra de casos activos na Galiza superaba os 3.000, unha cifra da que agora se descende, mentres o número de persoas hospitalizadas infectadas ascende a 202 tras incrementarse en 10 pacientes novas.

Aínda así os datos da consellaría de Sanidade comunicaban a última hora do sábado o deceso dunha muller de 92 anos, que presentaba patoloxías previas, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Segundo o balance actualizado este domingo polo Sergas, os pacientes con coronavirus en unidades de coidados intensivos (UCI) soben até 44, un máis que no sábado, e os que se atopan en unidades convencionais elévanse en nove até acadar os 158.

Por áreas sanitarias, as hospitalizacións aumentan nas áreas de Vigo, A Coruña-Cee, Pontevedra-O Salnés e Lugo-A Mariña-Monforte, mentres os demais distritos non rexistran cambios no número de pacientes ingresados nin UCI nin en planta.

En concreto, na área da Coruña-Cee mantéñense en 11 os pacientes con Covid-19 en UCI e soben a 51 os doutras unidades, catro máis; mentres que na de Vigo ascenden a 14 os que se atopan en críticos, un máis, e a 38 os que permanecen noutras unidades, dous máis.

Pola súa banda, a área de Pontevedra-O Salnés rexistra oito pacientes en UCI, manténdose sen cambios respecto do sábado, e un incremento até 26 dos hospitalizados noutras unidades, dous máis; mentres en Ferrol seguen dous pacientes en críticos e sete noutras unidades.

Na área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco mantéñense en 13 os pacientes en unidades convencionais de hospitalización e cinco continúan en UCI; na de Compostela-Barbanza seguen tres pacientes en críticos e 16 noutras unidades; e na área de Lugo-A Mariña -Monforte unha persoa permanece en críticos e elévanse a sete as ingresadas en planta, unha máis.

Casos activos

Mentres, os casos activos en Galiza se manteñen en descenso por terceiro día consecutivo e decrecen en 36 até 2.897. Por áreas, as infeccións soben en dous dos sete distritos, Pontevedra-O Salnés suma sete e Vigo un, pero baixan nos demais. Así A Coruña rexistra 17 casos activos menos, Ferrol nove, Compostela-Barbanza sete e Ourense catro casos activos menos.

Deste modo, a área de Vigo mantense como a que rexistra máis casos activos, 857; seguida da d’A Coruña-Cee, con 686; a de Pontevedra-O Salnés, con 488; a de Santiago- Barbanza, con 400; e a de Ourense, con 253; mentres Ferrol segue á cola, con 82.

Menos novos contaxios

Así mesmo, os novos contaxios detectados con calquera tipo de proba experimentaron un novo descenso tras caer en tres até os 189 este domingo. Esta semana iniciouse con 103 casos confirmados, aumentou a 125 na terza feira e volveu subir a 189 na cuarta feira e a 225 na quinta feira. Tras este último dato caeu a 195 na sexta feira e a 191 este sábado.

Do total de positivos, foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas 172, dos que 65 corresponden á área de Vigo; 29, á da Coruña; 29, á de Pontevedra; 25, á de Santiago; 11, á de Lugo; 11, á de Ourense; e dous, á de Ferrol.

Vacinación

Os galegos e as galegas coas dúas doses da vacina contra a Covid-19 superan os 442.000 tras administrarse 95,8% das doses recibidas.

Segundo datos actualizados este domingo pola Consellaría de Sanidade, un total de 442.393 persoas completaron a pauta, o que supón 123 máis e 18,7% da poboación susceptíbel de recibir a vacina. En total, foron administradas 1.415.912 doses, que implican 36.630 máis que as postas até a xornada anterior.

Centros de día

Os centros de día prepáranse para arrincar a desescalada con medidas que incluirán a posibilidade de retomar as saídas ao exterior e compartir o seu persoal co de residencias a partir da próxima semana tras afrontar unha perda de case  25% dos seus usuarios pola pandemia e despois de decaer este domingo o estado de alarma.

Co avance da vacinación, unha vez xa se administrou polo menos unha dose a 982.534 galegos, a Asociación de Centros de Día de Galicia (ACDGal), que reúne en torno a 70% dos centros privados, iniciou contactos coa Consellería de Política Social nas últimas semanas para aplicar unha relaxación de medidas neste tipo de instalacións.

A presidenta de ACDgal, Ángeles Álvarez, trasladou a Europa Press a súa "preocupación" polo benestar dos usuarios de centros de día, polo que demandou "unha desescalada que se adapte á nova situación". "É importante lembrar que traballamos con persoas con demencias, onde o afecto, a proximidade, o contacto físico e a comunicación non verbal son imprescindibles", sinalou.

Entre as propostas, inclúense eliminar a distancia interpersoal, salvo nas horas das comidas, e permitir saídas en pequenos grupos, ademais de limitar o control de síntomas de covid-19 aos casos nos que se observen signos da enfermidade ou malestar nun usuario. Durante este proceso, exponse o mantemento das medidas de prevención establecidas e as tarefas de desinfección e ventilación de espazos.