25-N

Menores e vítimas: a violencia contra a rapazada perpetúase se non se repara

A reparación das vítimas menores da violencia machista require tempo e intensidade. (Foto: Nós Diario)
Todas as persoas menores de idade que viven en contextos de violencia son consideradas vítimas. As últimas reformas legais son moi claras neste sentido e chaman a unha maior protección de crianzas e adolescentes.

A Galiza fechou 2022 con case 7.000 denuncias presentadas por violencia machista. Foron 6.995, un 12% máis que o ano anterior segundo datos do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). O número de vítimas de violencia de xénero elevouse o ano pasado até as 6.912, das cales 79 eran menores de idade. Na primeira metade de 2022 o número de vítimas situouse en 3.410 e 42 tiñan menos de 18 anos. O grupo de menores tutelados vítimas da violencia machista é o menos numeroso, pero a cifra de crianzas e adolescentes maltratadas de forma directa ou indirecta non deixa de crecer, 41% en 2022 e 35,4% até xuño de 2023, segundo as estatísticas xudiciais.

Desde que en 2013 comezaron a contabilizarse no Estado español as menores vítimas de violencia de xénero, 49 nenas e nenos foron asasinados polas parellas ou ex parellas de súas nais –ou no caso de mozas novas, polas súas propias parellas–; tres na Galiza: dúas en Moraña (2015) e un en Oza-Cesuras (2017). Pero os rexistros tamén levan a conta das crianzas orfas desde 2013 por mor da violencia machista. Até hoxe son 428, 16 na Galiza. Ademais, segundo datos do sistema de seguimento VioGen, a 31 de outubro deste ano había 73 vítimas menores baixo vixilancia policial e 75 casos de violencia machista identificados, 37 en activos.

Sempre vítimas

"Violencia é un concepto moi amplo, mais todas as violencias  responden a un patrón de interacción. No caso das crianzas vítimas violencia de xénero, dáse no seu contorno máis próximo, ese que o debe protexer. É a forma de violencia máis dramática que podemos ver". A Fundación Meniños traballa desde hai anos con nenos e nenas que viven en contextos de violencia de xénero. Mónica Permuy é a súa directora. Segundo describe a Nós Diario, estas crianzas viven esa manifestación de violencia con quen teñen un forte vínculo emocional. "Hai unha dependencia, unha seguridade, unha intimidade que inclúe o agresor". E iso, esa violencia provocada por persoas tan significativas, desbarata por completo o mundo da rapazada, afirma.

"Vivir nunha contorna de violencia e ser vítima desa violencia é unha causa fundamental da quebra da saúde mental ao longo de toda a vida", asegura Permuy, que censura a quen de forma consciente ou non "minimizan a violencia" ou se parapetan tras un veo de "indignación" para evadir a propia responsabilidade sobre a protección das crianzas. "Violencia non é unha malleira, iso é unha forma extrema de violencia. Violencia son as humillacións constantes, os actos degradantes, estar onde cada día a todas horas percibes unha comunicación violenta entre persoas adultas".

Rachar cos sistemas

Estas contornas xeran violencia e constrúen persoas que a interiorizan e reaccionan. "E as reaccións son sempre experiencias traumáticas", confirma Permuy. As crianzas cargan con toda a violencia que sentiron, "que é algo que escapa ao seu entendemento". A directora de Meniños fala de reaccións "complexas", porque a violencia non é algo puntual, "é sistémica, é só a punta dun iceberg dunhas proporcións inmensas".

"Sempre hai unha historia vital que precede a violencia e que empezamos a coñecer, capa a capa, cando comezamos a traballar coas vítimas", explica. Segundo as idades, a personalidade e a fraxilidade das crianzas as reaccións mudan, mais "todas viviron unha situación traumática e teñen unha resposta igual a todos os niveis: emocional, condutual e mental".

Son, en calquera caso, experiencias que se poden superar, mais "necesítase tempo e intensidade". "Moitos nenos e nenas que interiorizan a violencia e non son reparados perpetúan a violencia", destaca Permuy. Moitas veces cara a si mesmos, con comportamentos de risco, autodestrutivos ou trastornos psicolóxicos; mais tamén cara a fóra, con violencia no contexto en que viven, cara os seus iguais, cara a sociedade ou como forma de estabelecer relacións de parella ou de crianza.
Con todo, di, "hai unha forma de cortar iso: a través da reparación. Hai que traballar coas crianzas e non de forma illada, senón con todo o sistema que as rodea. É o modo de cortar esa perpetuación de sistemas violentos", conclúe Mónica Permuy.