Menores de idade, parellas ou persoas dependentes, exentas do toque de recoller

Un centro comercial de Vigo durante o toque de recoller en febreiro pasado. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
A Xunta fai públicas as excepcións ao toque de recoller que está vixente desde a pasada media noite.

Tras a publicación das últimas restricións contra a Covid-19 no Diario Oficial da Galiza, que se fixeron efectivas á medianoite desta sexta feira e que se estenderán até o 18 de xaneiro, as persoas non conviventes non poderán xuntarse nin en espazos públicos nin privados entre as 3.00 e as 6.00 da mañá.

O obxectivo da medida é intentar frear a expansión da pandemia durante as festas, incrementada pola aparición da variante Ómicron, descuberta a finais de novembro, e que se está a converter na predominante na Galiza, en substitución de Delta.

Estas restricións, non obstante, deixan a porta aberta a unha serie de excepcións arredor da liberdade de movemento durante a noite.

Unha delas refírese ás persoas que residen soas, e que son susceptíbeis de formar parte dunha única unidade de convivencia ampliada. Tamén os menores de idade quedan fóra da aplicación da norma aínda que non vivan cos seus proxenitores, o mesmo acontece coas parellas ou persoas cun vencello matrimonial que non compartan domicilio.

O coidado, atención, asistencia ou o acompañamento a menores de idade, persoas maiores ou dependentes, con discapacidade, ou especialmente vulnerábeis queda asemade exento.

No caso de que se poñan en marcha as medidas contempladas nos protocolos, permítense as actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais de representación das e dos traballadores ou persoal administrativo, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, e maila práctica do deporte federado.

A última excepción está dirixida ás reunións ou reencontros familiares ou con amizades, avalándose que durman na mesma vivenda, así como “por causa de forza maior ou situación de necesidade”.

As situacións que non entren dentro desta casuística serán sancionadas con multas que van desde os 600 euros aos 3.000 euros. Amais, o documento lembra que poden ser máis duras no caso de que a infracción teña transcendencia na saúde da poboación.

Certificado Covid

O Diario Oficial da Galiza tamén aborda o uso do certificado Covid, que se terá que presentar para acceder á hostalaría en todo o horario de atención ao cliente.