Xustiza

Investigados tres menores polo acoso escolar a unha compañeira a raíz da denuncia dos pais

Crianzas accedendo a un colexio o pasado mes de setembro. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
Os proxenitores denunciaron no seu escrito ante a Garda Civil de Ourense o acoso de forma verbal, illamento social, ridiculización pública e burlas no transporte escolar.

Tres menores de idade veñen de declarar ante a Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Ourense por mor dunha denuncia por acoso escolar a outra compañeira que presentaron os pais da moza. Os actos presuntamente cometidos por estes rapaces son cualificados como un delito contra a liberdade das persoas.

Segundo informou a Garda Civil de Ourense, a investigación iniciouse por mor da denuncia dos proxenitores da alumna. No documento foi denunciado o acoso escolar producido contra ela de forma verbal, o illamento social ao que sería sometida, a ridiculización pública e burlas no transporte escolar.

Os feitos tamén foron postos en coñecemento do centro escolar que, segundo a Garda Civil, iniciou o protocolo por acoso. Pola súa parte, as dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Ourense e á Fiscalía de Menores, dado que é o ámbito competente sobre os que non fixeron aínda os 18 anos de idade.