Un menor, transplantado tras dous meses cun corazón artificial

Equipo médico encargado do transplante cardíaco pioneiro na infancia. (Foto: Chuac)
Un menor de 14 anos vén de recibir a alta no Hospital Teresa Herrera da Coruña tras recibir con éxito un transplante cardíaco en asistencia ventricular minimamente invasiva, unha técnica probada en persoas adultas, mais inédita entre a poboación infantil.

Un equipo do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) realizou o primeiro transplante cardíaco infantil en asistencia ventricular minimamente invasiva do Estado español, polo que se converte no primeiro hospital público dos seis que hai en todo o territorio galego con programa de transplante cardíaco infantil en completar esta operación.

A intervención tivo lugar o pasado 7 de setembro, de madrugada, precisou esta terza feira o centro hospitalario, a cargo do equipo médico de Cirurxía Cardíaca Infantil do Hospital Público Universitario da Coruña.

O paciente, un rapaz de 14 anos de fóra da Galiza, estaba de vacacións en Vigo cando sufriu un síncope en plena rúa. Nese momento foi trasladado de urxencia ao hospital cunha disfunción ventricular que provocou unha insuficiencia cardíaca aguda. Posteriormente foi derivado á Coruña para implantarlle un dispositivo de asistencia ventricular que suplise a función do corazón nas mellores condicións até a aparición dun órgano compatíbel. Así, desde que entrou en urxencia cero para un transplante, o mozo estivo dous meses na UCI conectado a un corazón artificial.

Pioneiro na infancia

O hospital público coruñés convértese é o primeiro do Estado en abordar cunha asistencia ventricular minimamente invasiva un transplante cardíaco infantil.

Esta técnica, explican desde o centro hospitalario, adóitase empregar en persoas adultas con problemas cardíacos graves xa que, á espera dun órgano compatíbel co receptor, facilita que o paciente chegue ao transplante nunhas condicións excelentes. Neste caso, a experiencia con doentes maiores permitiu abordar "esta complicada técnica nun menor, coas máximas garantías".

Corazón artificial

O implante da asistencia ventricular -ou corazón artificial- minimamente invasiva realízase mediante unha pequena incisión na parte lateral esquerda do tórax. A continuación, describen, localízase a punta do corazón e introdúcese unha cánula que extraerá o sangue do paciente para, máis adiante, a través dunha punción na arteria femoral, devolvela ao torrente sanguíneo coa presión idónea permitindo unha correcta perfusión dos órganos.

"Con este dispositivo conséguese substituír a función do corazón en condicións excelentes á espera da aparición dun órgano compatíbel", recalcan desde o Chuac.

A intervención cirúrxica "foi todo un éxito", polo que dez días despois de recibir o corazón dunha persoa doante  "o paciente foi dado de alta no hospital, realizando o seguimento da súa evolución de maneira ambulatoria".

Fogar de Corazóns

Ao tratarse dun paciente doutra comunidade, durante o seu ingreso activouse o protocolo do programa 'Fogar de Corazóns', financiado pola Fundación María José Jove, que permite o aloxamento dos seus familiares sen custo algún en hoteis da cidade.