Un menor precipítase desde un noveno piso na Coruña

Ambulancia do 061. (Foto: Nós Diario)
Fontes policiais apuntan que non se trataría dun feito delituoso, mais non descartan ningunha hipótese.

Un menor precipitouse na mañá desta terza feira desde un noveno piso nun edificio situado no barrio dos Rosales, na Coruña. Segundo fontes citadas pola axencia Europa Press, os feitos sucederon contra as 11 horas. O menor caeu desde o noveno piso do edificio, que conta tamén cun baixo comercial, sobre un vehículo estacionado na rúa Simon Bolívar.

Até o lugar desprazáronse os servizos sanitarios, que trasladaron o menor con vida ao Hospital Materno Infantil Teresa Herrera. Tamén acudiron patrullas da Policía Local e da Policía Nacional, que está a investigar os feitos. Polo momento, as mesmas fontes apuntan a que non se trataría dun feito delituoso mais non descartan ningunha hipótese.