Menopáusica non é un insulto

A Deputación da Coruña ofrece estes días nas súas redes sociais o programa Conversas sobre a menopausa. (Rexenera Fest)

Coa chegada da menopausa, as mulleres enfrontan, non só unha etapa de cambios hormonais senón tamén un período socialimente inzado de prexuízos. No Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres, que se celebra cada 28 de maio, expertas separan mitos de realidade e desestigmatizan un período máis da vida. 

Cada 28 de maio desde 1987 celébrase o Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres, unha efeméride xurdida durante a Rede Mundial de Mulleres polos Dereitos Sexuais e Reprodutivos, eses que tantas veces son acalados. A menopausa é un deses aspectos da saúde feminina –no caso das mulleres CIS– ao que poucas veces se atende na súa dimensión completa e que, aínda hoxe, supón moitas veces un estigma social

Falamos da etapa que chega, desde o punto de vista médico, unha vez que a mestruación desaparece durante un ano completo, entre os 45 e os 55 anos. Así o encadra Carmen Valls, doutora especializada en endocrinoloxía e unha das profesionais pioneiras en incluír a perspectiva de xénero na medicina, durante a súa intervención no programa Conversas sobre a menopausa, que está a organizar a área de Igualdade da Deputación da Coruña para conmemorar este 28 de maio.

"É un período que pode ser difícil, sobre todo porque está moi mitificado. Parece que se entra nunha idade de desprestixio da muller, mesmo se emprega como insulto", reflexiona, en conversa con Nós Diario, Beni Martínez García, matrona no centro saúde de Vilalba e vogal en Lugo da Asociación Galega de Matronas da Galiza.

A esa "estigmatización" refírese tamén a doutora en psicoloxía  e especialista en xerontoloxía feminista Anna Freixas na segunda das Conversas que a Deputación está a publicar a través das súas canles sociais durante toda esta semana. "O que nos afectan son os temores e as ideas que temos antes da menopausa, e non tanto a menopausa en si. Están marcados por ideas sociais, como o 'principio do fin' da vida da muller, a entrada na vellez, na que xa non somos atractivas sexual ou afectivamente. Estes son os principais temores, e menos o de non poder quedar embarazadas, que para algunhas mulleres supón un alivio", sinala a experta na súa intervención, na que chama a "romper" co misterio que arrodea a saúde sexual feminina.

"A regra non é unha enfermidade, senón un proceso fisiolóxico como outro, e a menopausa é outro. Hai que falar con naturalidade das cousas que pasan no noso corpo. A miña mensaxe é que vivan as menopáusicas, porque é unha das cousas boas da vida", sostén.

"Cada muller é unica e irrepetíbel e debe sabelo. Algunhas déixanse levar por cousas que lles contan, por experiencias doutras persoas. Hai que dicirlles que as mulleres non somos todas iguais e non vivimos igual a menopausa: vai depender da túa xenética, do apoio que teñas, da maneira na que te enfrontes ás cousas, da túa autoestima, da túa educación e da importancia que lle deas ás túas necesidades, e tamén de onde vivas", sinala Martínez García, que presta servizo desde hai 12 anos en Vilalba, Guitiriz, Xermade, Muras, Cospeito e Abadín.

Menos atención no rural

Se para a matrona, as mulleres ·non estamos ben atendidas nunca, na menopausa, "aínda e peor", un déficit de atención e información que, ao seu xuízo, se agrava no rural. "Nunha cidade, unha muller ten máis facilidade para buscar información e pode coller un autobús e ir ao hospital mais, como están as comunicacións no rural? Hai que ter moita gana de ir ao centro de saúde ou estar moi mal para ir porque en moitos casos, ou tes quen te leve ou non tes como chegar", censura.

Como fai notar, as mulleres chegan á menopausa nun momento no que, con frecuencia, teñen que coidar de persoas maiores. "Non se dá importancia ás cousas que nos ocorren a unha determinada idade. Se empezas a ter calores ou suores, tómase como 'normal'. As mulleres levan toda a vida facendo a comida, a casa, a horta, coidando da familia e do marido e despois, dos pais e dos sogros. E cando non se encargan de todo, séntense culpábeis. Hai unha presión tremenda sobre elas", observa.

Fronte a isto, chama a "dar importancia a todo" nesta etapa, desde os medos sobre o futuro ao climaterio, eses síntomas que algunhas mulleres sofren neste período –crises de calor, taquicardia, sufocos– ou a outras molestias asociadas, como sangrados, unha maior propensión ás perdas de urina ou á sequedade vaxinal. "Non podemos pensar que é 'normal' e deixalo estar, todo pode traballarse, hai que pedir axuda", destaca, e pon en valor o papel das matronas neste período.

"Non só estamos nos partos, senón en todas as etapas: na escolar, na educación sexual, nas citoloxías e no solo pélvico e tamén na menopausa", salienta, aínda que convida acudir tamén á medicina familiar, a xinecoloxía, a fisioterapia ou a psicoloxía, en función das concretas necesidades de cada unha. 

"O máis importante é o autocoidado"

Cando se lle piden a Beni Martínez recomendacións de cara á menopausa, a experta alude ao exercicio físico diario ou a unha dieta máis equilibrada e menos abundante. "Pero, por enriba de todo, hai que potenciar o autocoidado: coidarse, asearse, coidar a pel, a dieta, beber máis auga, non esquecerse de unha mesma. Buscar un momento do día para cousas que che guste facer soa e tempo no que falar e pasear con outras mulleres. Sempre é importante, pero neste período máis, porque é un cambio de etapa no que hai que deixar uns hábitos e ir collendo outros", salienta a especialista.