A oposición critica que a Memoria 2018 ignore os 57 venres negros

Sánchez Izquierdo nega que exista "unha grande conflitividade" no seo da CRTVG

Sánchez Izquierdo

Novo debate entre o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e os grupos da oposición no Pazo do Hórreo. O executivo comparecía a petición propia para presentar a Memoria de Servizo Público correspondente a 2018. Retratou unha CRTVG saneada financeiramente, xa dixitalizada e con cifras de audiencia que a colocarían, canda a TV3, como a única que superaría "os dous díxitos". A oposición afeoulle basicamente que no seu informe se omitese calquera referencia ao clima social que se vive na compañía, co cadro de persoal a se mobilizar todas as sextas feiras contra a "manipulación informativa".

Sánchez Izquierdo puxo en valor os datos financeiros da compañía, saldados cun superávit de 2,2 millóns de euros en 2018. Un saneamento que tería permitido acometer nese exercicio o proceso de dixitalización dos medios públicos, remarcou o primeiro executivo da corporación. A oposición contra-atacou co argumento de que a incorporación das novas tecnoloxías se producira con moita tardanza. "Xa apenas quedaban sitios para mercar fitas vídeo", ironizou a deputada do PSdeG Noela Blanco Rodríguez. Na súa réplica, o director xeral da CRTVG reprochou á socialista que precisamente desde o seu grupo se criticase a demora na dixitalización, deslizando críticas á herdanza deixada nesta materia polo goberno bipartito (2005-2009).

A Memoria 2018 fai unha valoración positiva dos indicadores de audiencia da CRTVG. "Só a Televisión de Catalunya e a CRTVG acadan os dous díxitos", remarcou Sánchez Izquierdo, quen, coa intención declarada de "desfacer preconceitos", destacou que durante o período 2014-2018 "a TVG foi a única canle pública ou privada que na Galiza aumentou a súa audiencia nas franxas de poboación entre os 15 e os 30 anos de idade".

"Só a Televisión de Catalunya e a CRTVG acadan os dous díxitos" de audiencia, remarcou Sánchez Izquierdo

"A TVG é a cuarta canle, superada por Tele5, Antena 3 e a TVE", respondeu Olalla Rodil (BNG). O primeiro executivo da compañía discrepou: "Ben, ás veces somos a segunda ou a terceira. Fluctúa. A única canle que está fora de foco [do alcance da TVG] é Tele5", dixo e insinuou que a razón da preeminencia da televisión de Mediaset é pola súa aposta por emisións "estridentes".

Mais no primeiro plano do debate non estiveron nin as finanzas nin a audiencia, senón a discusión arredor de se na CRTVG existe ou non manipulación informativa ao servizo do Partido Popular de Feixoo. A oposición criticou en bloque que na Memoria 2018 se ignoren os 57 venres negros protagonizados até agora por boa parte do cadro de persoal da compañía. Nese sentido, Ánxeles Cuña Bóveda (En Marea) falou da "actitude negacionista" de Sánchez Izquierdo após o director xeral da corporación ter alegado o carácter "técnico" do documento que presentaba na cámara para explicar porque nel non se recollen as protestas formuladas desde as redaccións da TVG e RG sobre as interferencias no seu traballo profesional. "Reducir a Memoria a un debate político é sacar o asunto do foco", dixo o xestor dos medios públicos galegos, quen cualificou a súa visión de "profesional". "O político non é o meu ámbito competencial", engadiu.

A oposición criticou en bloque que na Memoria 2018 se ignoren os 57 venres negros protagonizados até agora por boa parte do cadro de persoal da compañía

En todo caso, Sánchez Izquierdo si puxo moita énfase en negar que exista unha "grande conflitividade na nosa organización". "Non é así, nen moito menos", proclamou. Si hai oposición interna a súa forma de xestionar a casa, veu dicir, mais non é masiva. "Os profesionais da CRTVG son plurais, teñen visións moi distintas e non todos eles pensan o mesmo", dixo e para ilustrar a súa afirmación apelou ao recente proceso de elección do comité de empresa en San Marcos, gañado pola CUT.

E para reforzar o seu relato aínda achegou un dato máis: "O histórico de conflitividade da CRTVG era de máis de 700 litixios laborais. Na actualidade está un pouco por debaixo de 100", alegou.